O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE O PARTIDO POPULAR NÉGASE A PEDIR A DIMISIÓN DO ALCALDE DE OURENSE JÁCOME E A CONDENAR A SÚA AGRESIÓN A UNHA MULLER SINDICALISTA
Os e as socialistas critican o voto en contra do PP a urxencia da moción, que tiña por obxectivo que “non se debatese e que deste xeito non quedarán retratados como acabou acontecendo”
A concelleira socialista, Natalia González Beneitez, esixiulles ao Partido Popular que “sexan valentes, apoien as reivindicacións, apoien aos traballadores e traballadoras porque serán responsables deste esperpento e están ocasionando un dano irreversible á cidade”
Ourense, 6 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o Partido Popular négase a pedir a dimisión do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tal e como quedou demostrado durante o debate da moción de urxencia presentada polos socialistas e na que pedían a dimisión do rexedor e unha condena rotunda ante a “gravidade” dos feitos. O PP votou en contra da urxencia da moción co único obxectivo de que “non se debatese dito punto e deste xeito non quedar retratados”. O alcalde de Ourense viuse obrigado a comparecer no pleno pola presión do PSdeG-PSOE de Ourense, despois de que se ausentase nos momentos iniciais. Os populares tamén se negaron a apoiar aos traballadores e traballadoras da empresa do transporte urbano e a que se busquen solucións para este servizo.
A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do PSOE, BNG, CS e dúas concelleiras non adscritas. Os socialistas acusaron aos populares de ser “corresponsables e cómplices destas actuacións tan graves” e sinalaron que “Lola Panero somos todos e todas os aquí presentes, a UPO, a plataforma ProCAPD, a veciñanza, os colectivos e as persoas que foron agredidas polo alcalde que o PP colocou na cadeira”. Dende o grupo municipal socialista tamén apuntaron a que “hoxe temos que sacar de aquí unha condena rotunda non só aos feitos, senón que temos que tomar opcións máis aló e que o alcalde non siga un minuto máis sentado nesa cadeira”.
A concelleira socialista, Natalia González Beneitez, esixiulles ao Partido Popular que “sexan valentes, apoien as reivindicacións, apoien aos traballadores e traballadoras porque serán responsables e están ocasionando un dano irreversible á cidade”. A edil socialista explicou que “nunca é tarde para ser responsables, o contrario sería normalizar a violencia e que este concello siga sendo un esperpento. Dean a cara e gañará Ourense e todos e todas”.
González Beneitez tamén lle recriminou ao alcalde que “demonice” aos traballadores e traballadoras e recriminoulle que “non lle importan as melloras para os traballadores e traballadora, nin que se pague unha indemnización brutal cos cartos de todos e todas os ourensáns e as ourensás”. A vicevoceira municipal tamén o instou a “dimitir porque non pode seguir aí por vergoña e dignidade” antes de pedirlle a corporación municipal unha “condena contundente pola agresión do alcalde e a mediación urxente e solución no conflito da folga dos autobuses urbanos”.
Os e as socialistas consideran que o alcalde de Ourense “non pode seguir un minuto máis ao fronte do goberno municipal”, despois da súa “brutal” agresión a unha sindicalista que se manifestaba nas portas do Concello de Ourense en defensa dos dereitos e melloras laborais dos traballadores e traballadoras da empresa concesionaria do transporte urbano. Dende o PSdeG-PSOE aproveitaron para esixirlle ao PP que “deixe de amparar este tipo de condutas violentas e que retire de xeito inmediato o seu apoio ao rexedor, co que gobernan conxuntamente tanto na cidade como a nivel provincial na Deputación”.
Dende o Grupo Municipal Socialista instaron á corporación municipal a trasladar o “total apoio” aos 126 traballadores e traballadoras do servizo de transporte urbano de Ourense, na defensa dos seus dereitos e melloras laborais, así como na reivindicación dos mesmos. Tamén pediron que a corporación municipal lle solicite ao goberno municipal que exerza unha mediación “urxente” coa empresa concesionaria e os representantes dos traballadores e traballadoras co obxectivo de “acadar unha solución ao conflito, no que se garanta a mellora das condicións laborais das persoas e se poña fin a situación de folga indefinida, que repercute na veciñanza de Ourense”.