Concello de Ourense INICIATIVAS

Aprobadas as tres mocións socialistas en beneficio da cidade

Impulsan por unanimidade un plan de prevención da ludopatía e que se recuperen espazos e actividades enfocadas á mocidade; que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, ademais de que se reactiven as obras do CAPD, a pesar de que PP e DO non apoiaron esta última moción

Ourense, 6 de maio de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense acadou o apoio unánime do pleno municipal para impulsar unha moción na que lle solicita ao bigoberno municipal de Ourense a posta en marcha dun programa piloto de prevención da ludopatía, recuperar as concellerías de xuventude e voluntariado, dotándoas de persoal e programación e que se proceda a reapertura urxente do Espazo Lusquiños da mocidade. Os socialistas aproveitaron para denunciar o “desmantelamento total” e “peche” de numerosos servizos enfocados á mocidade, o que provocou que a cidade estea “totalmente abandonada” nesta materia.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE, Natalia González Beneitez, argumentou que “nos últimos 7 anos a mocidade foi borrada do mapa polo PP e DO” e denunciou que no actual mandato “produciuse un desmantelamento e desaparición das concellerías de Xuventude e Voluntariado, propiciado pola animadversión e falta de interese do alcalde e dos seus socios do Partido Popular, que teñen as competencias”. Neste senso, tamén fixo fincapé no peche “indefinido” do espazo Lusquiños, da que alegou “é a única dotación do Concello de Ourense para mozos e mozas da cidade e leva dous anos pechados, situación que nos preocupa enormemente”.

Na súa segunda intervención, González Beneitez aproveitou para subliñar que o alcalde “demostra a diario a súa incompetencia e falta ao respecto á mocidade e á institución”. A edil socialista tamén aproveitou para afearlle ao Partido Popular que o anteproxecto da lei do xogo “chega tarde e é moi pouco ambicioso, xa que non da prioridade a mocidade por riba dos intereses económicos”. Por último, aproveitou para destacar que a “mocidade ten que buscar o seu futuro fóra de Ourense porque a causa da ineptitude do bigoberno, non teñen futuro na cidade”.

O PP e DO néganse a apoiar a reactivación remate das obras do CAPD

No relativo a moción do PSdeG-PSOE de Ourense sobre o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, os socialistas conseguiron que se aprobase a moción, a pesar da abstención do Partido Popular e Democracia Ourensana, que optaron por absterse “amosando o seu desleixo cara un proxecto de vital importancia para a cidade e para os familiares das persoas con discapacidade”. Os socialistas aproveitaron para lembrar que Ourense “é a única provincia galega sen un centro destas características, o que demostra a animadversión de Feijóo e Fabiola García coa nosa cidade e provincia”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Concepción García Lozano, relatou o traballo da pl2ataforma ProCAPD ao longo dos últimos 6 anos de “loita” e sinalou o apoio “total e o compromiso “firme” do PSOE coas familias. A edil socialista argumentou que os ourensáns e as ourensás “teñen dereito a ter unhas instalacións dignas ao igual que noutras provincias, cun centro de xestión pública que integre prazas de centro de día e de respiro familiar”. Tamén aproveitou para lembrar que a obra “non se puxo en marcha nin está rematada, só existe un esqueleto de obra totalmente paralizado pola ineptitude da Xunta en renegociar e compensar a obra, como si fixo noutras obras”.

García Lozano expresou na súa segunda intervención que “non vamos a parar ata conseguir a finalización e posta en marcha das obras” e tamén destacou que emenda de substitución presentada polo PP “non a podemos aceptar porque vostedes din non a que se tomen medidas urxentes, a que se reactive o proxecto, din non tamén a un novo cronograma e a que se afiancen as partidas nos orzamentos, e o que é máis importante, din non a xestión pública e directa”.

Unanimidade para que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén acadou o apoio unánime para impulsar que se ubique en Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial coa que os socialistas pretenden “loitar contra os problemas demográficos da provincia”, subliñando que “está acreditado que as institucións públicas exercen un papel extremadamente beneficioso nas contornas nas que se sitúan estas administracións públicas”.

O voceiro dos socialistas no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que o Goberno central “está levando a cabo esta estratexia para loitar contra o despoboamento e facer fronte ao reto demográfico para que todas as provincias en problemas demográficos teñan solución a esta grave crise”. O secretario provincial dos e das socialistas ourensás tamén apuntou que “pedimos que se sitúe esta axencia na cidade, dado a situación que padece Ourense dende fai moitos anos, perdendo poboación en caída permanente e co obxectivo de frear o despoboamento”.

Na súa segunda intervención, Rodríguez Villarino, aproveitou para afearlle ao alcalde que “vostede nunca é responsable de nada, ao igual que as persoas que o sosteñen”. Neste senso tamén lle lembrou que “vostede vanagloriabase de que ía transformar Ourense e puxo de exemplo o caso similar de Madrid, pero ocultando que en Madrid houbo un pacto entre todos os grupos políticos”. Tamén sinalou que o Concello de Ourense “non ten competencias directas en materia de investigación e formación”, antes de finalizar afirmando que en Ourense a Xunta de Galicia “non ten nada descentralizado e tan só se descentralizou por parte dun goberno socialista a Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.