A DEPUTACIÓN RECLAMA POR UNANIMIDADE PARA OURENSE A SEDE DA AXENCIA ESTATAL DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL GRAZAS AO PSDEG-PSOE
Villarino asegurou que “necesitamos que se faga desde a Deputación toda a forza posible, como se fixo desde o Concello da capital ou desde onde faga falta”, para que a Xunta reclame esta axencia para a Ourense porque “se non é así, teremos unha oportunidade perdida novamente”
“Está comprobado que afondar na descentralización de actividades e infraestruturas nos territorios que non son capital estatal ou rexional, contribúe a frear tendencias poboacionais negativas” e a “xerar innovación e emprego de calidade», afirman os e as socialistas
Ourense, 27 de maio de 2022. A Deputación Provincial vén de aprobar por unanimidade, reclamar para Ourense a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial, grazas a unha iniciativa do PSOE. O texto pide á Xunta que demande esta sede en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes de entidades do sector público estatal, así como pór en marcha políticas de descentralización de actividades e infraestruturas, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía.
Tamén insta ao Goberno de España a afondar en políticas de descentralización e desconcentración de actividades e infraestruturas públicas, instalando aquí a sede de organismos e, nomeadamente, que unha sexa esta axencia.
O voceiro socialista, Rafa Villarino, asegurou que “necesitamos que se faga desde a Deputación toda a forza posible, como se fixo desde o Concello da capital ou desde onde faga falta”, para que a Xunta reclame esta axencia para a Ourense. “Se non é así, teremos unha oportunidade perdida novamente”, a pesar de “contar co acordo dos expertos sobre a idoneidade desta localización”, advertiu o líder socialista antes de resaltar que o PSdeG celebra o cambio de postura do PP, que en 2018 aseguraba que a execución dun centro de IA na provincia era “rimbombante” e que “ningún catedrático das mellores universidades do mundo querería vir a Ourense”.
Desde o grupo provincial do PSOE aplauden o acordo unánime porque “está comprobado que afondar na descentralización de actividades e infraestruturas nos territorios que non son capital estatal ou rexional, contribúe a frear tendencias poboacionais negativas” e a “xerar innovación e emprego de calidade, así como a impulsar sinerxias transversais na economía”. “Agardamos que tanto a Xunta como o Goberno central fagan agora a parte que lles toca”, conclúen.