PP, DO E A DEPUTADA TRÁNSFUGA VOTAN EN CONTRA DE AXUDAR A TRANSPORTISTAS, GANDEIROS E COLECTIVOS AFECTADOS POLA CRISE PROVOCADA POLA INVASIÓN DE UCRAÍNA
Vila pediu aos conservadores que clarexen “se están a favor ou en contra” destas axudas provinciais millonarias “tan necesarias que piden os propios afectados”, pero preferiron atacar aos socialistas
Ourense, 27 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia a “indecencia política e social” de PP, Democracia Ourensana e a deputada tránsfuga, Montse Lama, tras votar hoxe en contra de aprobar un plan provincial millonario de axudas a transportistas, gandeiros ou empresas, afectados pola crise provocada pola invasión de Ucraína. Os grupos conservadores da Deputación votaron incluso en contra das medidas presentadas polo propio PP en forma de emenda no pleno de abril que, agora, tamén incluía esta moción socialista.
“Vetar co seu rodillo iniciativas en favor dos colectivos, empresas e persoas gravemente afectados pola invasión de Ucraína é inhumano e incomprensible”, dixeron os e as socialistas, antes de recordar que os propios afectados e afectadas como a Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, pediron expresamente ao goberno de Baltar estas axudas, similares ás concedidas pola Deputación da Coruña.

O deputado e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, preguntou á voceira popular se están “a favor ou en contra” de “incrementar” estas axudas extraordinarias “a maiores dos planes provinciais”, pero non obtivo resposta. Vila recomendou aos conservadores que “fagan o seu traballo” e “traían propostas ao pleno”, no lugar de “aproveitarse do traballo dos outros grupos con emendas que fan en 10 minutos”, en referencia as presentadas recorrentemente polo PP. Tamén pediu que clarexen “se están a favor ou en contra” de axudas “tan necesarias que pide o propio sector”, pero os conservadores preferiron atacar ao PSOE.
Vila concluíu recordando como o PP votou “non” no Congreso ao plan de medidas aprobado polo Goberno central para facer fronte a esta crise económica e social, “dándolle a espalda ao pobo español” e “agora tampouco queren debater axudas provinciais que piden os propios afectados e afectadas”.
A iniciativa tombada por PP, DO e a tránsfuga, incluía medidas impulsadas polo PSdeG-PSOE, pero tamén a meirande parte das propostas que o PP trasladou ao pleno de abril mediante unha emenda. Por iso pedía á Deputación un plan enerxético dotado cun 1 millón; axudas directas para os transportistas e o sector dos servizos por dous millóns ou un millón máis para o sector primario.
Tamén demandaba a outras institucións un plan social de axudas ás familias máis vulnerables; un fondo de avais para empresas; reforzar as medidas activas no plan de aforro enerxético; activar o Bono Enerxía PEME; préstamos directos do IGAPE para a industria manufactureira; o cambio na regulación do mercado eléctrico para desvincular o prezo da enerxía eléctrica do prezo do gas ou reducir o gasto improdutivo das administracións públicas.