GOBERNO ESTATAL INICIATIVAS

Impulsamos medidas co Goberno central para «darlle a volta á desfeita demográfica» de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE MANTÉN UN ENCONTRO CO GOBERNO CENTRAL PARA IMPULSAR MEDIDAS QUE PERMITAN “DARLLE A VOLTA Á BRUTAL DESFEITA DEMOGRÁFICA” DA PROVINCIA

Villarino e Tizón reclamaron ao alto cargo do Goberno, entre outras medidas, a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial para Ourense ou axudas directas para proxectos innovadores

Tamén acordaron fixar reunións posteriores con “dinamizadores de éxito” en materia demográfica e económica que asesorarán ás rexedoras e rexedores para “formular proxectos de abaixo a arriba”

Madrid, 2 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter un encontro co secretario Xeral para o Reto Demográfico, Francesc Boya, co fin de impulsar, desde o Goberno central, medidas “reais e efectivas”, que permitan “darlle a volta á brutal desfeita demográfica” da provincia, a única de todo o Estado que perdeu 136.000 habitantes no último medio século. “Tras catro décadas de gobernos provinciais da dereita, o balance é absolutamente desastroso, polo que temos que adoptar medidas para evitar que o PP continúe a destrozar a nosa provincia”, aseveran.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, e a deputada no Congreso, Uxía Tizón, explicaron a Boya os principais problemas e retos que, en materia demográfica, afronta Ourense. Detallaron que perdeu o 31 % dos  seus veciños e veciños nestes 50 anos e destacaron que outras provincias que habitualmente son sinaladas como exemplo da ‘España baleirada’ como Teruel, Soria, León ou Salamanca “non alcanzan, en ningún caso, unha perda poboacional absoluta similar”.

Tamen advertiron que sofre un “grave problema de natalidade”, cunha diminución constante dos nacementos desde a década os setenta. “As mortes cuadriplican aos nacementos, sendo a segunda provincia con menor natalidade”, dixeron antes de recordar que, no primeiro trimestre de 2022, só houbo 306 nacementos fronte a 1.300 falecementos. “Esta preocupante desproporción repítese ano tras ano e hai que facer algo para cambiar a desfeita na provincia”, proclamaron. Ao remate do encontro, acordaron fixar reunións posteriores con “dinamizadores de éxito” que asesorarán ás rexedoras e rexedores para “formular proxectos de abaixo a arriba”.

Francesc Boya, Uxía Tizón e Rafa Villarino durante a reunión

Villarino asegurou que a xuntanza “abre vías alentadoras para construir proxectos de futuro”, xa que “durante case dúas horas expuxemos as potencialidades de Ourense”. Pola súa banda, Tizón manifestou que trataron “proxectos que permitan insuflar optimismo nunha provincia carente de liderado provincial dende hai décadas”.

Por iso reclamaron, entre outras medidas, a creación en Ourense da sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “Non podemos quedar á marxe do debate sobre a descentralización” porque “estamos nunha provincia historicamente maltratada, cunha importante carencia de investimentos en infraestruturas e dotacións e cunha ausencia inaudita de órganos ou institucións públicos” e “está comprobado o beneficio destas accións en materia económica e social”. “Ourense reúne todos os requisitos técnicos e demográficos”, insistiron ante alto cargo do Goberno.

Boya escoitou as demandas dos cargos socialistas e tamén destacou a “valía de experiencias de éxito como o erasmus rural, a rede de centros de innovación territorial ou as estratexias de atracción de nómadas dixitais”, que poden servir como revulsivos para reter os talentos locais ou para atraer talentos foráneos.

Tamén forón analizadas as axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para proxectos innovadores de transformación territorial e loita contra o despoboamento, cun importe de 16,2 millóns (que poden financiar iniciativas de ata 200.000 euros), destacando a “necesidade de que axuden a conformar un plan estratéxico do que esta provincia carece”.

“Este plan poderá desenvolver as posibilidades da enoloxía, o termalismo ou o turismo se conta cun liderado que se implique a fondo, fronte á pasividade e as políticas de propaganda que están a ser bloqueadas polas administracións supramunicipais do PP”, advertiron Villarino e Tizón antes de por en valor o papel das alcaldesas e dos alcaldes socialistas de Ourense, cuxos concellos destacan polos “logros acadados a pesares de que Deputación e Xunta aportaran poucos o ningún recurso”.

A Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Goberno de España ten, entre outras competencias, a “elaboración e impulso de estratexias, plans e actuacións prioritarias en materia de reto demográfico”; a “coordinación dos departamentos ministeriais e das administracións públicas territoriais en materia de reto demográfico”, así como o impulso da colaboración público-privada neste mesmo ámbito ou o desenvolvemento das “políticas que garantan a igualdade de dereitos e oportunidades sen discriminación por razón de lugar de residencia ou idade, e especialmente para as áreas rurais”.