OS PARLAMENTARIOS OURENSÁNS DESTACAN QUE A CHEGADA DE SÁNCHEZ AO GOBERNO “PUXO FIN AO TEMPO MÁIS ESCURO DA HISTORIA RECENTE, REFORZANDO DEMOCRACIA E INSTITUCIÓNS”
Lamentan que, fronte a un Goberno que se preocupa polas persoas, o PP siga “ancorado na corrupción, empregando as institucións como a Deputación ou o Concello só para intereses partidistas”
“As peores formas do PP seguen presentes en Feijóo”, denuncian antes de salientar a “estabilidade dun partido forte” como o PSOE, ante un PP que “vive exclusivamente das afrontas e das mentiras”
Ourense, 3 de xuño de 2022. O deputado por Ourense, Adolfo Pérez Abellás; a deputada, Uxía Tizón e o senador, Miguel Bautista, destacan que a chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central, hai xa catro anos, “puxo fin ao tempo máis escuro da nosa historia recente” e permitiu “reforzar a democracia e as institucións públicas”. “Agora, con Feijóo en Madrid, temos ao PP que nunca se foi, o do negacionismo, do boicot permanente, do ruído e da mentira”, lamentan antes de sinalar a “vital importancia para a nosa provincia de “seguir a contar cun goberno de progreso en La Moncloa”.
Catro anos despois da moción de censura que cambiou a historia de España, “unha moción de censura contra a corrupción”, lamentan os parlamentarios e a parlamentaria que o PP siga “ancorado naquela corrupción”, permanecendo “inmóbil no seu peor pasado”. “Seguen a empregar as institucións onde gobernan, como a Deputación de Ourense ou o Concello da terceira cidade de Galicia, para enriquecerse e para axitar intereses partidistas e personalistas”, mentres “afondan na desfeita da provincia”, insisten.
Por iso recordan que, a pesar dos imprevistos históricos destes anos como a pandemia mundial da Covid-19 ou a erupción do volcán de La Palma, desde o PSOE “sempre respondemos do mesmo xeito: protexendo a economía e as familias españolas, empezando polos máis vulnerables”. “Temos un mandato claro: que España teña un goberno social e exemplar”, aseveran. “Coas nosas políticas e a pesar das dificultades que atravesa a nosa sociedade, estamos cambiando a vida das persoas para mellor”, recordan “ante a constante tensión e os insultos da dereita e da extrema dereita”.
“As peores formas do PP seguen hoxe presentes en Feijóo e no séquito que o acompaña”, denuncian antes de salientar a “estabilidade dun partido forte” como o PSOE, fronte a un PP que “vive exclusivamente das afrontas, dos bandazos, das mentiras e das pelexas internas, con tres líderes en catro anos”, unha formación “en descomposición na nosa provincia” que “non achegou nin unha soa acción ou medida en positivo para mellorar a vida dos ourensáns e ourensás este últimos catro anos”.
Os e as socialistas explican que “nós gobernamos para mellorar o presente e o futuro, mentres o PP segue ancorado no seu pasado», algo que se evidencia “facendo balance dos catro anos transcorridos desde que o PSOE chegou ao Goberno” e que se recolle no plan ‘Gobernar para transformar’ onde “queda evidenciado todo o que España avanzou neste tempo”.
“A realidade das nosas políticas é a reforma laboral, a renda mínima vital, as conquistas feministas, a suba das pensións, o salario mínimo ou os fondos europeos que permiten facer a nosa economía máis sostible ou darlle a volta aos graves problemas demográficos que sufre a nosa provincia”, remachan.

Para Abellás, Tizón e Bautista, o balance deste tempo é “moi positivo evidentemente” porque España e Ourense contan cun goberno “exemplar, social e sensible que respecta a división de poderes e prestixia as súas institucións e que ampliou a carteira de dereitos”, fronte a un PP “que fai o contrario” e que “parasita” as institucións da nosa provincia “en beneficio de seu”. Entre outras medidas, destacan as 140 iniciativas lexislativas aprobadas, como a Lei de Eutanasia, o Ingreso Mínimo Vital ou a Lei de Vivenda, e por iso “hoxe somos un país escoitado e respectado en Europa e no resto do mundo”.
Cifras “históricas” no emprego
“Durante o último ano, a provincia gañou 2.032 afiliados e afiliadas á Seguridade Social e no dato do paro produciuse unha diminución de 1.909 persoas en relación co mesmo mes do ano 2021, cunha caída do 10,2 %”, salientan os parlamentarios e a parlamentaria por Ourense, que cualifican estas cifras como “historicamente positivas”. “Grazas á reforma laboral do Goberno central non só crece o emprego, senón que tamén o fai en calidade e en estabilidade, beneficiando especialmente a mulleres e mozos”, destacan antes de sinalar que estas cifras “tradúcense no benestar de familias e empresas”.
“Os e as socialistas creamos emprego de calidade para todos e todas en Ourense, fronte a un Partido Popular que, historicamente, só destacou na nosa provincia por ser unha bochornosa axencia de colocación de enchufados”, conclúen.