Concello de Ourense INICIATIVAS

Unanimidade na moción socialista contra a LGTBIfobia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACADA O APOIO UNÁNIME DO PLENO DO CONCELLO DE OURENSE PARA QUE SE DECLARE A CIDADE COMO CONCELLO LIBRE DE LGTBIFOBIA

Natalia González subliñou que “xa é hora de que Ourense sexa declarada como unha cidade libre de LGTBIfobia e na que se condenen as agresións, discriminacións e vexacións que se producen polo mero feito de ser quen somos e amar a quen queremos”

O PSdeG-PSOE de Ourense conseguiu o apoio unánime da corporación municipal para instar ao goberno local a que se declare a cidade como concello libre de LGTBIfobia e para recuperar a programación de actividades de conmemoración do Día do Orgullo LGTBI 2022. Os e as socialistas tamén pedían na moción á creación dos servizos municipais de información, atención e asesoramento LGTBI; a elaboración e posta en marcha de maneira “urxente” dun plan municipal de prevención do acoso homofóbico, biofóbico e transfóbico; promover, habilitar e promocionar novos espazos libres de LGTBIfobia; ou a colocación dunha praca conmemorativa na Praza de San Marcial ou noutro punto consensuado da cidade para visibilizar e poñer en valor a todas as persoas do colectivo LGTBI.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, aproveitou a súa primeira intervención para subliñar que “xa é hora de que Ourense sexa declarada como unha cidade libre de LGTBIfobia e na que se condenen as agresións, discriminacións e vexacións que se producen polo mero feito de ser quen somos e amar a quen queremos”. A edil socialista aproveitou tamén para afearlle ao bigoberno do PP e Jácome a “involución vivida nos últimos 7 anos con gobernos que optaron por ignorar ao colectivo, desleixalo e chegar o punto de pretender borrar o programa de actividades do Día do Orgullo”.

González Beneitez tamén puxo o foco en que “estamos ante un momento transcendental para a cidade, no que debemos apostar aínda máis polas políticas de igualdade e dotar de maior contido o programa de actividades de conmemoración do mes do Orgullo ou de calquera campaña relacionada coa visibilización e apoio ao colectivo LGTBI durante o ano”. A secretaria municipal dos socialistas na cidade de Ourense pediulle tamén ao goberno municipal que “sitúe Ourense no mapa, para que a cidade deixe de ser unha cidade en branco e negro e sexamos unha cidade de cores, na que todos e todas sexamos iguais e ondeemos a bandeira da liberdade e a igualdade dunha vez por todas”.

A concelleira socialista tamén quixo destacar o “desleixo” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao colectivo LGTBI, xa que o rexedor ausentouse do pleno durante o debate da moción. Unha situación que en palabras de Natalia González “demostra o nulo interese do alcalde por este colectivo, pola cidade e polos ourensáns e as ourensás”.