O PSDEG-PSOE IMPULSA A CREACIÓN DUNHA UNIDADE DE ICTUS NO CHUO, QUE REMATE DUNHA VEZ POR TODAS COA DISCRIMINACIÓN SANITARIA QUE VIVE A NOSA PROVINCIA POR PARTE DA XUNTA
Rafa Villarino destacou que a provincia precisa dunha unidade “polo noso tipo de poboación, principalmente envellecida, e tamén pola dispersión xeográfica”
Ourense, 3 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense acadou no día de hoxe o apoio unánime da corporación municipal para a aprobación das tres mocións presentadas na sesión plenaria deste mes de xuño. Desta forma, os socialistas impulsan a concesión da medalla de ouro da cidade ao Liceo; declarar Ourense como cidade libre de LGTBIfobia; e que o CHUO pase a contar de maneira urxente cunha unidade de ictus como acontece noutras provincias galegas.
A moción do PSOE ourensán na que pedía apoios para instar á Xunta de Galicia e ao Sergas a crear, con “urxencia”, unha unidade de ictus no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) e a mellorar o transporte sanitario urxente dos pacientes sitos na xeografía de Ourense e con sospeita de ictus ao CHUO, para que accedan á futura unidade de ictus en menos dunha hora dende calquera punto da provincia, contou co respaldo de toda a corporación municipal.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que “é de xustiza que Ourense conte cunha unidade de atención ao ictus”, xa que tal e como apuntan “Pontevedra conta cunha unidade, A Coruña con dúas e en Lugo teñen unha unidade de atención permanente, cun neurólogo especializado que atende as 24 horas ao día, os 365 días do ano”. O líder dos socialistas ourensáns afirmou que a provincia precisa dunha unidade “polo noso tipo de poboación, principalmente envellecida, e tamén pola dispersión xeográfica” e subliñou que “Lugo loitou durante moito tempo por esta unidade e finalmente conseguiuna, polo que creemos que Ourense non pode ser menos”.
Villarino lembrou que lembrou tamén que os especialistas “piden esta unidade constantemente, pero nin a Xunta, nin o SERGAS se decidiron a levar a cabo unha medida de vital importancia para Ourense e as súas xentes”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén puxo o foco en que as enfermidades cerebro vasculares, e nomeadamente o ictus, “son as principais causas de mortalidade”.
O voceiro municipal socialista fixo fincapé en que unha provincia como a de Ourense que “é unha das máis envellecidas de España e Europa, fai que aumente o risco e a gravidade, xa que o ictus non só xera mortalidade, senón tamén morbilidade”.