Concello de Ourense INICIATIVAS

Acadamos os apoios necesarios para que o Liceo reciba a medalla de ouro da cidade

O PSDEG-PSOE IMPULSA, COA UNANIMIDADE DO PLENO DO CONCELLO, QUE SE LLE CONCEDA AO LICEO A MEDALLA DE OURO DA CIDADE DE OURENSE

Xosé Rúas destacou do Liceo a súa «importancia cultural na cidade» logo de 172 anos de historia na que desenvolveu unha “vital tarefa” neste ámbito e afirmou que “estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense»

A sesión plenaria serviulle ao PSdeG-PSOE de Ourense para impulsar unha moción na que instaban a corporación municipal a conceder a Medalla de Ouro da Cidade ao Liceo de Ourense, en recoñecemento pola súa traxectoria “histórica” a prol da cultura e a sociedade. Unha moción que foi aprobada por unanimidade e na que todos os grupos políticos coincidiron na importancia da moción.

O concelleiro socialista, Xosé Rúas Araújo, destacou do Liceo a súa “importancia cultural na cidade”, logo de 172 anos de historia na que desenvolveu unha “vital tarefa” neste ámbito, e tal e como apuntou o edil do PSdeG-PSOE, “acolle a distintas asociacións que non teñen un lugar axeitado para desenvolver a súa actividade e celebra unha media anual de 350 actos culturais ou conmemorativos da sociedade provincial”. Tamén afirmou que polas instalacións do Liceo de Ourense pasan anualmente “máis de 50.000 persoas, o que demostra a relevancia desta entidade na sociedade ourensá”.

Rúas Araújo aproveitou para destacar que “atopámonos cunha sociedade senlleira, que move a cultura e numerosas presentacións e con 172 anos de antigüidade”. O edil socialista afirmou que “creemos que por toda esta historia e labor, o Liceo de Ourense merece a concesión da Medalla de Ouro da Cidade de Ourense”. Tamén quixo facer fincapé nos importantes artistas que por aló pasaron, pondo como exemplos “as importantes coleccións expostas de Piñeiro, Jesús Soria, Virxilio, Arturo Baltar, Huete, Xaime Quesada, Acisclo Manzano, Buciños, Prego de Oliver, Xabier Pousa ou Parada Justel; presentacións de famosos intelectuais coma Vicente Risco, Pardo Bazás, Curros Enríquez, Suso de Toro ou Manuel Rivas; e concertos como os dos mestres Albéniz ou Rodrigo”.

O edil do PSdeG-PSOE de Ourense agradeceu o apoio unánime da corporación e rematou afirmando que “estamos ante un dos templos da cultura da cidade de Ourense, polo que creemos que merece un recoñecemento especial por todos estes anos de historia e de traballo a prol da cidade de Ourense”.