EMIGRACIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

A facenda alemá envía gratuitamente xustificante en español do pago de impostos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DE QUE A FACENDA ALEMÁ ENVÍA GRATUITAMENTE XUSTIFICANTE EN ESPAÑOL DO PAGO DE IMPOSTOS PARA PRESENTALO NA FACENDA ESPAÑOLA

Luís Gulín, explica que “as persoas interesadas deben contactar vía telefónica coa unidade que xestiona o seu expediente, ou escribir directamente, mesmo en español, ao correo ria@finanzamt-neubrandenburg.de

Ourense, 6 de xuño de 2022. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE informa de que detectou durante esta campaña de declaración da renda, casos entre os preceptores de pensións alemás que para xustificar a devolución do chamado 5 por cento, á Facenda alemá, están recorrendo a tradutores xurados. Dende o PSOE ourensán destacan que a facenda alemá esta enviando “gratuitamente” xustificante en español do pago de impostos.

Os socialistas lembran que xa no ano 2019 informaron que se pode solicitar á Axencia Tributaria alemá, a coñecida como Finanzamt Neubrandenburg, o envío dun certificado en español para xustificar ante a Facenda española, se esta o require, a devolución por dobre imposición internacional. O secretario provincial de migracións da executiva provincial socialista, Luís Gulín, explica que “as persoas interesadas deben contactar vía telefónica coa unidade que xestiona o seu expediente, ou escribir directamente, mesmo en español, ao correo ria@finanzamt-neubrandenburg.de, indicando nome e apelidos, número de identificación fiscal alemá e a petición de enviar xustificante de ter aboado os impostos do ano fiscal que precise”.

Gulín salienta que “polo tanto, non existen custos derivados dunha suposta obriga de traducir a documentación dos trámites realizados na facenda alemá para presentalos na facenda española”. A secretaria provincial de migracións constatou que na maioría das delegacións de facenda do territorio español aceptan a documentación presentada en alemán, mais o xustificante do pago e non constan “queixas de aportar tradución a maiores”. De feito, dende o ano pasado a Axencia Tributaria de España xa intercambia información e datos con Alemaña podendo comprobar que se fixeron os pagos correspondentes.