concellos Denuncias

As socialistas de Punxín lémbranlle ao PP que o castro de San Cibrao de Las tamén pertence a Punxín

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN LÉMBRALLE AO PARTIDO POPULAR E AO ALCALDE DE SAN AMARO QUE O CASTRO DE SAN CIBRAN DE LAS TAMÉN PERTENCE AO TERMO MUNICIPAL DE PUNXÍN

As socialistas consideran que nos últimos días se está “ninguneando” a Punxín ao promocionar un acto no castro de Las, sen nomear para a nada a Punxín, cando o castro se atopa en ambos concellos

Acusan ao alcalde de San Amaro de “obviar en todo momento que este ben patrimonial se atopa en ambos municipios” e inciden en que “entendemos que o concello de San Amaro organiza o evento, pero non deben esquecer que o castro tamén pertence a Punxín”

Ourense, 7 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Punxín lémbralle ao Partido Popular que o castro de San Cribrao de Las tamén pertence ao municipio de Punxín, e non só a San Amaro como están a vender nos últimos tempos. As socialistas consideran que nos últimos días se está a “ningunear” ao concello de Punxín ao promocionar un acto no castro de Las, sen nomear para a nada a Punxín, cando o castro se atopa en parte dentro do termo municipal.

Dende o Grupo Municipal Socialista relatan que nos últimos días “asistimos atónitas” á promoción por parte do alcalde do Partido Popular de San Amaro, Fernando Redondo, dun evento que terá lugar nas inmediacións do poboado castrexo. Tal e como apuntan as concelleiras socialistas, o rexedor do concello veciño de San Amaro “obviou en todo momento que este ben patrimonial tamén se atopa situado en Punxín, ninguneando por completo o noso municipio e a veciñanza”. Neste senso, as socialistas inciden en que “entendemos que quen organiza o evento é o concello de San Amaro, pero non deben esquecer que o castro tamén pertence ao termo municipal de Punxín”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín destacan que “aplaudimos calquera evento que sirva para promocionar o castro e a súa contorna, pero non permitiremos o desprezo que se está a facer ao noso municipio”. As concelleiras socialistas tamén amosan a súa “preocupación” por mor do “pasotismo” e “desleixo” do goberno municipal de Punxín, ao que segundo sinalan “parece que non lle importa que se menosprece o concello e as súas xentes”.

As concelleiras socialistas tamén aproveitan a ocasión para pedirlle ao alcalde de San Amaro, xa que tal e como apuntan “o rexedor de Punxín e o seu grupo de goberno nin están, nin se lles espera”, que lle remita na Xunta de Galicia as peticións que o PSdeG-PSOE leva anos presentando en relación a un “aumento dos investimentos no castro para fomentar as escavacións”, así como unha “xestión pública do parque arqueolóxico da cultura castrexa e que o Partido Popular na Xunta de Galicia vén rexeitando de forma sistemática”.