O PSDEG-PSOE DE CENLLE ACUSA AO CONSELLEIRO DE MEDIO RURAL DE MENTIR “DESCARADAMENTE” AO FALAR DE PROXECTOS COMO A ALDEA MODELO DE OSMO QUE SON UNHA “QUIMERA”
Os socialistas critican que o PP trate de “enganar” á veciñanza falando de proxectos que apostan polo rural, cando a realidade é a do “abandono sistemático” e a ausencia “total” das axudas prometidas
José Rodríguez Veloso critica que o conselleiro “ven a falar da aldea modelo de Osmo, cando a realidade é que a aldea modelo non existe a día de hoxe e devolvéronse 200.000 € por falta de execución”
Ourense, 8 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Cenlle acusa ao conselleiro de Medio Rural, José González, de acudir a festa do viño tinto da aldea de Cenlle a facer “autobombo” e de mentir “descaradamente” sobre proxectos como a aldea modelo de Osmo, que a día de hoxe segue a ser unha “quimera”. Os socialistas critican que o Partido Popular trate de “enganar” á veciñanza falando de proxectos que apostan polo rural e de dinamización, cando a realidade é a do “abandono sistemático” e a ausencia “total” de axudas prometidas para agricultores e viticultores, que aínda seguen agardando por elas.
Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian o que consideran unha “nova performance” do conselleiro de Medio Rural, ao que acusan de vir a Cenlle a “enganar á veciñanza e facer novas promesas con proxectos que sabe que nunca se levarán a cabo”. Os socialistas amósanse especialmente críticos coas declaracións de González sobre a aldea modelo de Osma da que afirmou “é a primeira posta en marcha en Galicia”, algo que contrasta coa realidade, xa que como apuntan dende o PSOE de Cenlle “dita aldea modelo nin está, nin se lle espera, ata tiveron que devolverse 200.000 euros de subvencións pola nula execución deste proxecto”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cenlle, José Rodríguez Veloso, as declaracións do conselleiro do Partido Popular son “un insulto a intelixencia”, xa que tal e como apunta “ven a falar de aldeas modelos, de dinamizar o rural, de que aposta pola agricultura e a viticultura, cando a realidade é que a aldea modelo non existe a día de hoxe, non hai dinamización e os agricultores e viticultores seguen agardando polas axudas prometidas”. O edil socialista lembra que “sendo aínda alcalde Gabriel Alén, e despois da caída de sarabia que provocou grandes perdas aos viticultores e agricultores, prometéranse unhas axudas para os afectados, pero a día de hoxe seguimos agardando polas mesmas”.
Rodríguez Veloso tamén destaca que o Partido Popular dende a Xunta de Galicia “non apoia nin axuda ao agricultor”, xa que tal e como sinala “as axudas prometidas aos agricultores polos danos provocados polos xabarís seguen sen chegar, ao igual que os contratos homologados, dos que ata agora non se asinou nin o primeiro”. O voceiro do PSdeG-PSOE considera que o PP “só acude ao rural a mentir e a vender o que non é verdade, co obxectivo de rascar uns votiños a costa de enganar aos veciños e veciñas”.
Os socialistas esíxenlle ao conselleiro de Medio Rural que “se deixe de vender falsas promesas” e que transforme o “fume” que vende en “realidades”. “Se de verdade quere apostar e dinamizar o rural como di, ten que vir ao mesmo e apostar polos gandeiros, agricultores, viticultores e por toda esa xente que pelexa cada día porque o mundo rural non desapareza”. Neste senso, tamén apuntan que “de pouco sirve vir a facerse fotos e dar titulares, cando a poboación segue baixando e as terras convértense en monte”.