O CONGRESO VOTARÁ UNHA PROPOSTA DO PSOE PARA QUE O GOBERNO CENTRAL COMPLETE A AUTOVÍA ENTRE CELANOVA E PORTUGAL NA FRONTEIRA DA MADALENA
O Grupo Parlamentario Socialista considera que esta conexión “é unha infraestrutura prioritaria” para Ourense e Galicia polo que recibirá o visto bo da Cámara Baixa e do Goberno presidido por Sánchez
Tizón afirma que a actual autovía AG-31 “resulta insuficiente segundo as reivindicacións de alcaldes ou axentes económicos” e reclama ao PP que “traballe” desde Xunta “na parte da obra que lle corresponde”
Ourense, 10 de xuño de 2022. O Congreso dos Deputados votará unha proposición non de lei impulsada polo PSOE, na que se insta ao Goberno central a completar o tramo internacional da autovía entre a localidade ourensá de Celanova e Portugal, a través da fronteira da Madalena. Esta infraestrutura, moi demandada por importantes sectores económicos da sociedade galega, debe ser a continuación da autovía AG-31, unha vía de titularidade autonómica, polo que os e as socialistas reclaman á Xunta que faga o seu traballo e asuma a parte da obra que lle corresponde.
A iniciativa, que foi rexistrada nas últimas horas e que será aprobada pola Cámara Baixa, literalmente “insta ao Goberno a impulsar a conexión internacional de AG-31 con Portugal, a través da fronteira da Madalena, levando a cabo todas as accións necesarias e oportunas, co obxectivo de garantir a conexión internacional cunha vía de alta capacidade”.
Desde o Grupo Parlamentario Socialista consideran que esta conexión “é unha infraestrutura prioritaria”, pois Ourense e o norte de Portugal “necesitan unha vía de conexión do século XXI, tomando como premisa a necesidade do cumprimento da execución da parte que compete á Xunta”.
A actual AG-31, entre a autovía das Rías Baixas e a localidade de Celanova, non é unha estrada incorporada á rede de do Estado, xa que forma parte da rede propia de Galicia, por tanto, aseveran desde o PSOE, “parece lóxico que sexa a comunidade autónoma quen remate a súa execución, en base ao previsto nos plans iniciais do goberno galego e segundo o establecido na propia Constitución Española (artigo 148, apartados 4º e 5º) e no propio Estatuto de Galicia, no artigo 27, apartados 7º e 8º”.
A deputada por Ourense, Uxía Tizón, destaca que a construción da AG-31 na primeira década deste século, impulsada inicialmente polo goberno socialista de Emilio Pérez Touriño, permitiu “mellorar as comunicacións coas localidades próximas”, pero este trazado “resulta insuficiente segundo as reivindicación de alcaldes e axentes económicos da provincia”, debido ao incremento das relacións económicas e sociais entre ambos países nos últimos anos. “Cremos fundamental e inaprazable a súa prolongación”, insiste.
“Queremos que o Congreso inste ao Goberno central a impulsar o tramo da conexión internacional a través da fronteira” co “obxectivo de garantir unha vía de alta capacidade” completa, destaca Tizón. Mais tamén salienta que “para levala a cabo” na súa totalidade, “precisamos unha resposta clara do Partido Popular de Galicia, do señor Rueda”, ao que reclama celeridade “na súa parte” porque “a reforma da actual estrada convencional OU-540, proxectada polo seu goberno, é insuficiente”.
Entre as principais razóns económicas, sociais e políticas para executar a prolongación entre Celanova e Portugal, a deputada socialista destaca a “vertebración territorial do suroeste”; a “conectividade con dúas das tres maiores cidades de Portugal”; o “reforzamento da posición xeoestratéxica de Ourense como porta de entrada a Galicia” ou a dispoñibilidade dos fondos europeos para a súa execución.
Igualmente permitiría mellorar substancialmente os tempos de viaxe e a seguridade dos viaxeiros e viaxeiras, conectando a cidade de Ourense coas áreas metropolitanas de Braga (800.000 habitantes) nunha hora e cuarto e coa do Porto (1,8 millóns de habitantes) nunha hora e media. Tamén se multiplicaría o potencial fluxo de visitantes e relacións no ámbito comercial, turístico, institucional e comercial entre ambas rexións.