concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Pereiro piden ampliar a apertura das piscinas e que se realicen actividades

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO INSTA AO GOBERNO LOCAL A MELLORAR O SERVIZO DA PISCINA MUNICIPAL, AMPLIANDO A SÚA APERTURA E IMPLANTANDO ACTIVIDADES ACUÁTICAS PARA ADULTOS E CRIANZAS

Os e as socialistas piden que se amplíe a apertura das piscinas coincidindo co fin e o inicio do curso escolar e que se impartan cursos de natación para crianzas e maiores, ademais de realizar actividades específicas no ámbito deportivo como o aquagym

A concelleira do PSdeG,  Luisa Dosantos critica que a “desidia” do goberno municipal “é moi preocupante e amosa unha falla total de interese por potenciar a actividade física e o benestar da poboación”

Ourense, 14 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de presentar unha moción, para o seu debate na vindeira sesión plenaria municipal, na que insta ao grupo de goberno á apertura da piscina municipal, situada na urbanización Veiga de Abaixo, máis tempo dos dous meses de xullo e agosto que acostuma a abrir. Os e as socialistas tamén piden que se implanten cursos de natación para crianzas e maiores e que tamén se proceda a implantación de actividades acuáticas como aquagym e diversos xogos para os nenos e nenas do municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que levan anos pedindo que se proceda á apertura da piscina durante un período maior dos dous meses nos que o goberno municipal decide abrila. “Creemos que o ideal sería que se procedese a apertura no mes de xuño e que tamén se peche no mes de setembro, coincidindo co fin e o inicio do curso escolar”, esgrimen os socialistas de Pereiro de Aguiar, que tamén apuntan que “hai concellos como o de Taboadela, con menos poboación e recursos que así o fan, asumindo eles o pago dos socorristas fora dos prazos establecidos pola Xunta para a subvención que aportan nesta materia”.

Con respecto ás actividades lúdicas acuáticas, as socialistas lembran que nos últimos anos veñen reclamando a “implantación” deste tipo de actividades e ata o de agora “só nos atopamos coa negativa do goberno municipal, que incluso o ano pasado chegou a afirmar que realizarían unha enquisa para comprobar o grao de demanda, pero a día de hoxe seguimos sen ningún tipo de nova neste senso, e sen coñecer se se chegou a realizar dita enquisa”. Tamén critican a “falta de transparencia” do goberno local do Partido Popular que segundo afirman “leva dous meses sen respondernos a cando se procederá á apertura oficial das piscinas”.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar, Luisa Dosantos De Jesús, a “desidia” do goberno municipal con respecto ao aumento dos prazos de apertura e a implantación de actividades acuáticas “é moi preocupante e amosa unha falla total de interese por potenciar a actividades de verán e especialmente para nosos nenos e maiores”. Neste senso, a concelleira socialista afirma que “as actividades dentro da auga supoñen un menor impacto para as articulacións e a resistencia da auga fai que os exercicios sexan moito máis efectivos”.

Dosantos aproveita para criticar a “falla de planificación” da Xunta de Galicia coa construción do parque acuático de Monterrei, o que provocou que este ano en Pereiro de Aguiar “a veciñanza non poida acudir a ditas piscinas, xa que se atopan demolidas e as obras do parque acuático totalmente paralizadas”. A edil socialista fai fincapé en que “este ano cobra máis importancia abrir e pechar antes as piscinas municipais de Veiga de Abaixo, xa que todos os veciños e veciñas que acudían as piscinas de Monterrei, este ano non van a poder ir, o que aumentará a demanda das piscinas municipais, xa de por si pequenas para a poboación de Pereiro”.

Con respecto ao parque acuático de Monterrei, os socialistas lembran que “xa en numerosas ocasións alertamos que non era o lugar idóneo para a súa implantación” e neste senso reafirman que “a solución pasaba por conservar as piscinas e por mercar terreos nas inmediacións para construír o parque acuático noutra zona anexa ou preto do complexo deportivo, pero que non provocara a desaparición das piscinas”. Dende o Grupo Municipal Socialista tamén recuperan unha vella reclamación con respecto ao complexo de Monterrei, que non é outra que a veciñanza de Pereiro “dispoña dun bono para poder acceder ao futuro parque acuático”, xa que tal e como subliñan “a veciñanza de Pereiro, debe suporlle algún tipo de beneficio contar con estas instalacións no termo municipal”. Unha reclamación que os e as socialistas levan anos pedindo e que Concello e Xunta se comprometeron a estudar, pero a día de hoxe “seguimos sen novas ao respecto”.