concellos Denuncias

Os socialistas de Vilardevós denuncian a parálise total nas obras da estrada OU-1006

O PSDEG-PSOE DE VILARDEVÓS DENUNCIA A “PARÁLISE” NAS OBRAS DA ESTRADA OU-1006 E ACUSAN A BALTAR E AO ALCALDE DO PP, MANUEL CARDOSO, DE “DEIXADEZ E ABANDONO”

Os e as socialistas subliñan que a obra leva 3 meses “totalmente paralizada” e que se retiraron as sinalizacións que impedían a circulación pola mesma e a maquinaria, deixando todo totalmente abandonado e a estrada convertida nunha pista de terra

Julio Prada afirma que os “incumprimentos” do PP “veñen de lonxe” e sinala que o “desleixo amosado, pon de manifesto que nunca lles interesou a mellora da mobilidade no noso municipio”

Vilardevós, 15 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Vilardevós denuncia a “parálise” das obras da estrada OU-1006 entre as localidades de Vilardevós e Vilarello de Cota e critica a “deixadez” do presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, ao que acusan de “non cumprir os prazos establecidos” e “desleixar” á veciñanza do municipio. Os e as socialistas subliñan que a obra leva tres meses “totalmente paralizada” e que mesmamente se retiraron as sinalizacións que impedían a circulación pola mesma e a maquinaria, deixando todo totalmente abandonado e a estrada convertida nunha pista de terra.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Vilardevós tamén poñen o foco no “pasotismo” do rexedor do Partido Popular, Manuel Cardoso, ao que acusan de “dar as costas á veciñanza”, xa que tal e como apuntan “nestes tres meses, non moveu un só dedo para que as obras se retomasen e co seu silencio ampara o desleixo e abandono do ente provincial ao noso municipio”. Dende o PSOE de Vilardevós sinalan que a situación da estrada OU-1006 “é un perigo, xa que unha vez retiradas as sinais que impedían o tránsito de vehículos, estes volven a circular por unha pista de terra, chea de fochancas e pedras, o que supón un risco para os usuarios da vía”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, afirma que os “incumprimentos” do Partido Popular no acondicionamento e mellora desta estrada “veñen de lonxe” e sinala que o “desleixo amosado á hora de finalizar a obra, pon de manifesto que aos populares nunca lles interesou a mellora das comunicacións e a mobilidade no noso municipio e só buscaron vender unha foto de dita obra, sabedores que non a chegarían a rematar”. O edil socialista lembra que dende o PSdeG-PSOE “levamos anos insistindo nas melloras necesarias na OU-1006, que garantan a seguridade viaria dos usuarios e trasladamos numerosas preguntas tanto a nivel municipal como provincial, sen obter respostas concretas”.

Prada Hohenstein critica as “falsas promesas” de Baltar e Cardoso, aos que acusa directamente de “mentir descaradamente” e non cumprir co acordado, cando ambos manifestaban que a estrada sería “acondicionada integralmente”, algo que segundo afirma o voceiro socialista “non aconteceu”. O edil socialista tamén denuncia a postura do alcalde, do que afirma que “elude as súas responsabilidades como máximo representante do municipio e non escoita a aqueles que o elixiron para ocupar o seu cargo e que reclaman solucións urxentes para esta estrada”.

Os e as socialistas de Vilardevós esixen unha solución “urxente” a esta parálise e que se leven a cabo coa “maior brevidade” posible os acordos acadados coa veciñanza de Vilardevós para a mellora da OU-1006. “Xa basta de enganar os veciños e veciñas con falsas promesas, para despois incumprir sistematicamente o acordado e abandonar por completo unha obra de vital importancia para a mobilidade no noso municipio”, finalizan os socialistas.