O PSDEG-PSOE DE OURENSE PIDE QUE SE RECUPERE O PROGRAMA CAMIÑO ESCOLAR PARA O VINDEIRO CURSO ACADÉMICO CO OBXECTIVO DE “GARANTIR A SEGURIDADE, ACCESIBILIDADE E MOBILIDADE”
Os e as socialistas tamén instan ao bigoberno da cidade a formalizar a adhesión do consistorio á Red de Ciudades que Caminan, e a posterior a deseñar e implantar o Metrominuto Ourense
Natalia González destaca que estas propostas “queren poñer en valor a mobilidade, que non existe no mapa político da cidade e converter a Ourense, nunha cidade preparada para os retos do século XXI”
Ourense, 23 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción, para o seu debate na vindeira sesión plenaria do mes de xullo no Concello de Ourense, na que insta ao goberno municipal a que se recupere e se poña en marcha o programa Camiño Escolar para o próximo curso 2022-2023. Os e as socialistas tamén instan ao bigoberno da cidade a formalizar a adhesión do consistorio á Red de Ciudades que Caminan, e a posterior a deseñar e implantar o Metrominuto Ourense.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que fai 13 anos púxose en marcha por primeira vez o programa Camiño Escolar, da man do anterior goberno socialista co obxectivo de “garantir a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade infantil nos traxectos de ida e volta aos centros educativos”. Durante os 6 anos que este programa estivo funcionando, participaron diversos colexios da capital como o CEIP Mestre Vide, o CEIP O Couto, o CPR Santo Ángel, CPR Concepción Arenal ou o CEIP Irmáns Villar e tal e como apuntan os socialistas “tiveron a oportunidade de facilitar itinerarios seguros camiñando para os nenos e nenas destes centros”.
Os e as socialistas lembran que coa chegada do Partido Popular á alcaldía de Ourense en 2015 “este programa foi borrado do mapa”, a pesar das insistencias do PSdeG-PSOE por recuperar un proxecto que consideran que “non só é educativo, senón que tamén facilita a mobilidade”. Dende o PSOE ourensán tamén acusan ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome de “vender fume” co famoso PMUS que tal e como apuntan “é un plan que non existe e no que un dos proxectos bandeira é precisamente o Camiño Escolar”.
Para a vicevoceira do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, este é un proxecto de “vital importancia” para a cidade, xa que tal e como sinala “en todas as grandes cidades do país está a funcionar dunha maneira excelente”. No mesmo senso, a edil socialista tamén apunta que o PMUS “que non se está a cumprir, contempla que se poña en marcha un sistema que facilite en toda a cidade que a veciñanza camiñe e deixe de empregar o transporte privado, coa creación de itinerarios de mobilidade”.



Na moción presentada polos socialistas contémplase tamén a adhesión do Concello de Ourense a Red de Ciudades que Caminan, unha plataforma que tal e como indican dende o PSdeG ourensán “permite compartir experiencias e da cal podemos participar dando solucións de mobilidade e accesibilidade, facilitando que sexa unha cidade preparada para o século XXI”. A secretaria local dos socialistas ourensáns fai fincapé en que na iniciativa “non só pedimos que no vindeiro curso escolar se reinicie, se reactive e se poña en funcionamento dunha vez por todas o proxecto Camiño Escolar e a adhesión a rede, senón que tamén pediremos que se poña en marcha o Metrominuto”.
O Metrominuto é unha iniciativa pioneira do concello de Pontevedra e que serve para “facilitar” ao todos os veciños e veciñas itinerarios a pé curtos e accesibles dentro da cidade. “As nosas propostas queren poñer en valor a mobilidade, que non existe no mapa político da cidade da man do bigoberno do PP e DO e tamén converter dunha vez por todas a Ourense, nunha cidade preparada para os retos de mobilidade, accesibilidade e universalidade do século XXI”, finaliza Natalia González.