O PSDEG-PSOE DE OURENSE PIDE A MELLORA DA ACCESIBILIDADE ENTRE A RÚA RIBEIRA DE CANEDO E O PASEO FLUVIAL A CARÓN DA PONTE NOVA CO OBXECTIVO DE DIGNIFICAR ESTA ZONA
Os e as socialistas critican o abandono “sistemático” por parte dos gobernos municipais do PP e DO a unha zona situada a carón dun Ben de Interese Cultural e que se atopa totalmente “esquecida”
Rosa Martínez insiste na necesidade de mellorar “non só a rampla, senón a contorna a carón da mesma e na que fai falla realizar importantes investimentos, co obxectivo de rematar co abandono”
Ourense, 29 de xuño de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción para o pleno municipal deste venres na que insta ao goberno municipal a mellorar a accesibilidade entre a rúa Ribeira de Canedo e o paseo fluvial a carón da Ponte Nova, arranxando, deste xeito, a contorna do río Miño na ribeira pontina. Os e as socialistas critican o abandono “sistemático” por parte dos gobernos municipais do PP e DO a unha zona situada a carón dun Ben de Interese Cultural e que se atopa totalmente “esquecida”.
Dende o Grupo Municipal Socialista piden que se acometa de forma “inmediata”, o arranxo das ramplas de acceso a carón da Ponte Nova, na entrada da rúa Ribeira de Canedo, realizando unha restauración total, na que se restauren as varandas metálicas e as travesas de madeira, e actuando sobre a pantalla vexetal esixente, realizando unha limpeza “exhaustiva” e mellorando as condicións de “seguridade, ornato e salubridade” desta infraestrutura de acceso peonil. Neste senso, dende o PSOE ourensán tamén esixen a redacción dun plan especial de protección de infraestruturas e de reforma interior, previo concurso de ideas, que “enxalce a zona a carón da Ponte Nova e tamén da contorna do paseo do río Miño”.
O PSdeG-PSOE de Ourense tamén pretende a mellora da conexión da rúa Ribeira de Canedo coa marxe do río Miño, incluíndo infraestruturas de acceso con pendentes máximas comprendidas entre o 4% e o 6%. Ademais instan ao goberno local a incoar un expediente de edificación forzosa da edificación derruída e reformar a rampla inconclusa e deteriorada sita na zona, reducindo a súa alta pendente e consolidando os muros de carga da mesma. Por último, tamén insisten na “necesidade” de reurbanizar e axardinar as parcelas incluídas no ámbito do Plan Especial.
A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Rosa Martínez Rodríguez, denuncia o “abandono dunha zona sita a carón dun Ben de Interese Cultural e na que nos atopamos cunhas ramplas que se fixeron de xeito provisional fai máis de 24 anos e que non se volveron a tocar”. Unha situación, que segundo explica a edil socialista “provocou que co paso do tempo se deteriorase a estrutura e as travesas de madeira”.
Martínez Rodríguez insiste na necesidade de mellorar “non só esta infraestrutura, senón a contorna a carón da mesma e na que fai falla realizar importantes investimentos, co obxectivo de rematar co abandono”. Neste senso, a concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense propón que se leve a cabo “un concurso de ideas, co fin de escoitar á veciñanza e realizar unha actuación que dignifique toda esta zona”. A edil socialista tamén destaca a necesidade de “colocar pantallas vexetais ou outras estruturas co fin de tapar as numerosas pintadas presentes nas fachadas a carón da Ponte Nova e que dan unha imaxe lamentable á cidade”.




Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinala que o barrio da Ponte “quedou esquecido da cidade e como proba deste desleixo atopámonos con esta rampla, que ía ser provisional e que leva case 25 anos a carón dun Ben de Interese Cultural”. O líder dos socialistas ourensáns pide que “se dignifique aínda máis esta zona, que culturalmente precisa de máis pulo do que ten ata agora”.
Villarino tamén fai fincapé en que a ribeira do río Miño “está totalmente esquecida, con edificios en ruínas, con ramplas inconclusas, con deterioro avanzado nas infraestruturas e cunha veciñanza moi agraviada polo esquecemento permanente por parte dos gobernos municipais do PP e DO”. Neste senso, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense destaca que os e as socialistas “vimos a reivindicar as peticións da veciñanza, do legado cultural da zona, da accesibilidade e en definitiva queremos ser os defensores dun barrio que é Ourense, e que sen embargo, quedou esquecido”.