O PSDEG-PSOE ESIXE EXPLICACIÓNS DETALLADAS A BALTAR TRAS DESTAPAR O TSXG QUE NON NEGOCIOU O TRASLADO PROVISIONAL DA DEPUTACIÓN AO PAZO DE XUSTIZA DE OURENSE
Os e as socialistas consideran “moi preocupante” o sucedido, xa que descobre unha actitude impropia “dun representante público democrático e máis propia dun político que vive nun virreinato”
“Resulta alarmante que os xuíces e xuízas lle imputen a Baltar unha intromisión en algo tan sagrado como a separación dos poderes, consagrada na Constitución e no resto da lei”, advirten
Ourense, 4 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE vén de rexistrar unha batería de preguntas urxentes, tralo “escándalo” destapado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao posicionarse frontalmente en contra do traslado provisional da Deputación de Ourense ao Pazo de Xustiza da praza de Concepción Arenal, un traslado que Manuel Baltar nin consultou nin negociou co máximo órgano xudicial. Ademais, non descartan outras medidas logo de saber que tampouco falou co titular do histórico edificio.
Os e as socialistas consideran “moi preocupante” o sucedido, xa que descobre unha actitude impropia “dun representante democrático e máis propia dun político que pensa que aínda vive nun virreinato”, logo de saberse que o presidente propuxo o traslado “sen falar coa Administración de Xustiza”.
Desde o PSdeG-PSOE consideran “inadmisible” que o TSXG anticipe o seu “criterio desfavorable” a este traslado porque, segundo afirman, supoñería “unha intromisión doutras administracións en espazos destinados á actividade xudicial”, antes de sinalar que a decisión adoptada a dedo e sen consenso por Baltar “impediría visibilizar a separación de poderes” co fin de “evitar confusións sobre as actividades e condicións dun poder do Estado”.
“Resulta alarmante que os xuíces e xuízas lle imputen a Baltar unha intromisión en algo tan sagrado como a separación de poderes de España, consagrada na Constitución e no resto das leis”, advirten. Por iso e ante o “preocupante silencio” do presidente logo de comunicado da TSXG, desde o PSdeG-PSOE anuncian que “indangarán ata o final” este “ataque de Baltar ás institucións”.
Ante estes feitos e a ignominiosa improvisación do presidente, tamén amosan a súa fonda preocupación polo futuro do Pazo Provincial como hotel-balneario e pola posible sede provisional, logo da “sonora labazada” do TSXG.