Concello de Ourense INICIATIVAS

O pleno do Concello de Ourense reclama recuperar o Camiño Escolar a pesar de que o PP non votou a favor

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACADA O APOIO CASE UNÁNIME, CO ÚNICO REXEITAMENTO DO PP, PARA RECUPERAR O PROGRAMA CAMIÑO ESCOLAR, ADHERIR AO CONCELLO A RED DE CIUDADES QUE CAMINAN E POÑER EN MARCHA O METROMINUTO

Natalia González afeoulle ao bigoberno municipal que o único plan de mobilidade “é converter o casco histórico nun circuíto de automobilismo e encher Ourense de escaleiras mecánicas, optando por ocorrencias en lugar de por proxectos realistas”

Ourense, 1 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense tamén acadou o apoio case unánime para impulsar a recuperación do programa de mobilidade urbana Camiño Escolar para o próximo curso académico 2022/2023, formalizar a adhesión do Concello de Ourense a Red de Ciudades que Caminan e a deseñar e poñer en marcha o Metrominuto Ourense. O Partido Popular abstívose, amosando que non aposta pola mobilidade “real e efectiva” na cidade e segue coa súa teima de converter o casco urbano nunha “selva amazónica e nun circuíto de automóbiles”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que fai 13 anos púxose en marcha por primeira vez o programa Camiño Escolar, da man do anterior goberno socialista co obxectivo de “garantir a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade infantil nos traxectos de ida e volta aos centros educativos”. Durante os 6 anos que este programa estivo funcionando, participaron diversos colexios da capital como o CEIP Mestre Vide, o CEIP O Couto, o CPR Santo Ángel, CPR Concepción Arenal ou o CEIP Irmáns Villar e tal e como apuntan os socialistas “tiveron a oportunidade de facilitar itinerarios seguros camiñando para os nenos e nenas destes centros”.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Natalia González Beneitez, puxo o foco en que “a mobilidade é unha materia pendente na cidade e un tema esquecido nos últimos 3 anos de desgoberno do PP e DO”. A edil socialista lembrou que “fai 13 anos, o goberno municipal do PSdeG e o BNG puxo en marcha o proxecto Camiño Escolar, que apostaba pola mobilidade, a accesibilidade e seguridade na contorna dos centros educativos, favorecendo traxectos de ida e volta seguros, a independencia das crianzas do seus proxenitores e que estes coñezan mellor a súa cidade”.

González Beneitez afeoulle ao bigoberno municipal que o único plan de mobilidade “é converter o casco histórico nun circuíto de automobilismo e encher Ourense de escaleiras mecánicas, optando por ocorrencias en lugar de por proxectos realistas”. A edil socialista tamén subliñou que “estamos nun momento clave e non podemos perder esta oportunidade histórica para apostar pola mobilidade”, xa que segundo apuntou “só falta vontade política, non podemos perder máis tempo”. Finalizou afirmando que “a base do futuro está no presente, deixen de perder o tempo e fagan algo construtivo por Ourense”.