1 de maio GOBERNO ESTATAL

O Goberno de Sánchez pagará os abonos de trens que unen Ourense co resto de Galicia

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA A “HISTÓRICA MEDIDA” ADOPTADA POLO GOBERNO DE SÁNCHEZ QUE SUPORÁ A GRATUIDADE DAS VIAXES EN TREN DE MILES DE OURENSÁNS

En Ourense os abonos afectarán ao Avant Ourense<>Santiago<>A Coruña ou aos rexionais que unen a terceira cidade de Galicia con Vigo, Lugo, Santiago ou Monforte e incluso Ponferrada, en Castela e León

A decisión adoptada polo Goberno de Sánchez poderá supor, por exemplo, un aforro mensual duns 300 euros nas viaxes efectuadas mediante títulos multiviaxe a Santiago e A Coruña

Ourense, 13 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a “medida histórica” adoptada “por primera vez na historia” anunciada polo Presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, no Debate do Estado da Nación como é a gratuidade dos títulos multiviaxe dos servizos ferroviarios de Media Distancia e Cercanías prestados por Renfe a partir do 1 de setembro.

Esta medida amplía a tomada o 25 que xuño, que xa estableceu unha redución do 50 % para abonos, que é necesario ampliar dada a evolución da situación xeopolítica e a necesidade asegurar ao máximo a mobilidade cotiá obrigada.

No caso concreto de Ourense, estas bonificacións afectarán aos títulos multiviaxe para trens Avant, Media Distancia ou Rexionais que unen a provincia co resto de Galicia, como os servizos Avant Ourense<>Santiago<>A Coruña ou os trens rexionais que unen a terceira cidade de Galicia con Vigo, Lugo, Santiago ou Monforte e incluso Ponferrada (Castela e León). Igualmente, na nosa comunidade, este abono tamén afectará ao núcleo de Cercanías existente en Ferrol. Non hai que esquecer que, co fin de favorecer a mobilidade sostible, Renfe xa prorrogou os prazos para consumir abonos Avant ata o 31 de decembro.

No caso concreto dos usuarios e usuarias ourensáns recurrentes de servizos Avant, a decisión adoptada polo Goberno de Sánchez poderá supor, por exemplo, un aforro mensual de centos de euros nas viaxes a Santiago e A Coruña.

Esta histórica decisión adoptada por primeira vez na historia cun goberno socialista, pretende impulsar o uso deste tipo de transporte público para garantir a mobilidade obrigada cotiá, cun medio de transporte seguro, fiable, cómodo, económico e sostible, nunha conxuntura extraordinaria de incremento sostido dos prezos da enerxía e os combustibles.

Servizos Media Distancia en Galicia

Segundo a normativa vixente, os servizos de Media Distancia prestados por Renfe en Galicia son os listados abaixo. Ademais, todos eles e o núcleo de Cercanías Ferrol-Ortigueira están declarados OSP, é dicir, son obrigación de servizo público. Podes consultar aquí o listado completo de OSP. O establecemento destas obrigacións realízase en cumprimento do Regulamento (CE) 1370/2007 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007.

Esta norma europea regula o réxime dos servizos públicos de transporte de viaxeiros por ferrocarril e ten por obxectivo establecer as regras, en virtude das que as Administracións Públicas interveñen no sector do transporte público de viaxeiros aportando fondos públicos para garantir os servizos de interese xeral nunhas condicións de frecuencia, calidade e prezo que o simple xogo de mercado non permitise prestar.

  • Avant > trens de media distancia que circulan por liñas de alta velocidade e tamén por liñas convencionais grazas a cambiadores de ancho, en traxectos inferiores aos 300 quilómetros de distancia.
  • MD > traxectos de media distancia entre os 60 e os 300 quilómetros.
  • Rexionais > servizos de media distancia que efectúa parada en todas as estacións e apeadeiros.
  • Rexionais Exprés > trens de media distancia con menos paradas que os Rexionais.
  • Intercity > servizos de longa distancia con prazas para media distancia.