Concello de Ourense EDUCACION

Impedimos que Jácome e o PP poidan destinar os cartos da UPO a financiar cursiños de academias privadas a dedo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE IMPIDE QUE JÁCOME E O PP APROBEN UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA FINANCIAR ACADEMIAS PRIVADAS «DE XEITO CACIQUIL» COS CARTOS DA UPO

Rafa Villarino sinala que “grazas ás alegacións do PSdeG-PSOE de Ourense, a Universidade Popular terá posibilidades, aínda que sexan remotas, de volver levar a cabo o seu importante labor”

As e os socialistas amosan a súa ledicia e satisfacción polo cambio de postura e apoio do BNG e Ciudadanos e danlles a benvida á “oposición seria e responsable fronte ás ocorrencias do alcalde-empresario”

Ourense, 13 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense impediu, no pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello, que o alcalde Jácome e o seu socio de goberno, o Partido Popular, aprobasen unha modificación de crédito de trescentos mil euros para financiar cursiños de academias privadas co diñeiro da Universidade Popular.

O voceiro socialista no Concello de Ourense, Rafa Villarino, sinalou que “grazas ás alegacións presentadas polo PSdeG-PSOE, a UPO terá posibilidades, aínda que sexan remotas de volver levar a cabo o seu importante labor”. Ademais, Villarino destacou que grazas á oposición construtiva do grupo socialista, “evitamos que o alcalde consume outra falcatruada das súas, con cartos públicos e de xeito caciquil”.

“Agora o alcalde e os seus socios de goberno non poderán asignar cursiños de modo arbitrario a quen eles lles pareza, saltándose o filtro dos funcionarios municipais que establece criterios de obxectividade á hora de escoller docentes”, enxalzan dende o grupo socialista.

Así mesmo, amosan a súa ledicia e satisfacción polo cambio de postura e apoio ás alegacións socialistas en materia de educación dos grupos municipais do BNG e Ciudadanos, que no pleno extraordinario de xuño votaran a favor de subvencionar academias privadas cos cartos da UPO. “Dámoslles a benvida á oposición seria e responsable fronte ás ocorrencias do alcalde-empresario Jácome”, destacan.

“O PSdeG-PSOE de Ourense sempre mantivo unha postura clara e coherente, a mesma que amosamos cando se presentaron as modificacións e tamén cando Jácome aprobou pola súa conta a primeira modificación en lote, que levamos aos xulgados”, lembran.  

Saúdos.