Concello de Ourense Denuncias

Acusamos a Jácome de soterrar millóns de euros públicos no seu defunto centro de IA

O PSDEG-PSOE REPROBA O “FRAUDULENTO DESPILFARRO” DE MILLÓNS DE EUROS DO ERARIO MUNICIPAL TRALO “ESTREPITOSO FRACASO” DO CENTRO DE INTELIXENCIA ARTIFICIAL DE JÁCOME

Os socialistas acusan ao alcalde de malversar caudais públicos e anuncian que solicitarán de forma urxente un informe de intervención municipal cuantificando os gastos relativos a persoal e dotacións

Lembran que o alcalde desmantelou un equipamento fundamental como ‘La Molinera’ para financiar o desorbitado prezo dun proxecto “inviable, caprichoso e totalmente alleo ás competencias municipais”

Ourense, 14 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense reproba o “fraudulento despilfarro” de millóns de euros das arcas municipais tralo “estrepitoso fracaso” do Centro de Intelixencia Artificial de Gonzalo Pérez Jácome e acusa ao alcalde de “malversar caudais públicos nun proxecto inviable, caprichoso e totalmente alleo ás competencias municipais”.

Así as cousas, dende o grupo socialista adiantan que solicitarán, de xeito urxente, un informe de intervención municipal cuantificando os gastos relativos a persoal e dotacións da defunta infraestrutura, co obxectivo de reclamar responsabilidades.

“Basta xa de malversar cartos públicos sen consecuencias”, manifestou o voceiro socialista, Rafa Villarino. “Todos sabemos que Jácome é unha persoa carente de capacidade de planificación, sen perspectiva e ao que o único que lle interesa realmente é o titular, pero neste caso ese titular é moi caro porque xa levamos enterrado millóns de euros nunha infraestrutura municipal que todo o mundo sabía que estaba condenada ao fracaso, incluso o propio alcalde”.

Dende o grupo municipal socialista lembran tamén que o alcalde desmantelou un equipamento singular, histórico e fundamental como era o centro de coñecemento ‘La Molinera’, polo que “loitaron e traballaron representantes municipais de distintas cores políticas” para poder financiar “o desorbitado prezo” dun proxecto caprichoso e delirante, con competencias enmarcadas no ámbito universitario.

“Como de costume, o alcalde busca escusas para non recoñecer a súa propia culpa, neste caso escudándose na falta de apoios externos para dar viabilidade a este proxecto, pero a realidade é que estamos ante a crónica dunha morte anunciada”, conclúen.

Saúdos