O PSDEG-PSOE IMPULSA A DECLARACIÓN DE PAULA PRADO E MIGUEL TELLADO COMO PERSOAS NON GRATAS NA PROVINCIA TRAS AFIRMAR QUE OURENSE NON É GALICIA E NEGARSE A RECTIFICAR
Igualmente reclaman a dimisión de Prado como deputada e viceportavoz do PP no Parlamento de Galicia e de Tellado como senador por designación autonómica e Vicesecretario de Organización
Villarino pediu ao PP que “polo menos se absteña” porque “se trata de defender a Ourense” e “unha parte importante do partido tamén está en contra desas declaracións” polas que non pediron perdón
Ourense, 14 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE impulsará a declaración de Paula Prado e Miguel Tellado, altos cargos do Partido Popular, como persoas non gratas na provincia, tras afirmar que Ourense non é Galicia e negarse a rectificar e a pedir perdón, por unha afirmación que ofendeu a unha importante parte da sociedade civil e política galega.
Nunha iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación instan a “declarar personas non gratas en Ourense a Paula Prado del Río e a Miguel Ángel Tellado Filgueira, por desprezar á provincia ao non considerala parte de Galicia, tras asegurar, literalmente, que o AVE chegou a Ourense pero non Galicia (sic), unha frase que ofendeu e agraviou a boa parte da sociedade ourensá, verbas que, ademais, se negaron a rectificar e polas que tampouco pediron perdón”.
Igualmente reclaman a dimisión de Prado dos cargos de deputada e viceportavoz do PP no Parlamento de Galicia e de Tellado dos cargos de senador por designación autonómica e Vicesecretario Xeral de Organización do Partido Popular.
Os e as socialistas resaltan que “Ourense viviu un desprezo nunca antes visto por parte duns representantes públicos”, tras vir á cidade a “proclamar que Ourense non é Galicia” para “sen inmutarse dar a volta e marchar de novo ás súas localidades de orixe”. “Non só dixeron esa afronta e obvia mentira de viva voz, se non que tamén difundiron a mesma mensaxe nas redes sociais en reiteradas ocasións”, destacan.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, pediu hoxe ao Partido Popular ourensán que “polo menos se absteña” para que esta declaración de persoas non gratas prospere, porque “do que se trata é de defender a Ourense” e “sabemos que unha parte importante dese partido tamén está en contra desas declaracións ofensivas”.
Tamén destacou que ningún destes cargos que participaron no “acto da vergoña”, pediron perdón ou escusaron a súa bochornosa actitude. “Ao contrario”, recordou pois días máis tarde Prado cualificou o malestar xerado incluso dentro da súa propia formación política como unha “polémica esteril”. “A comitiva do ultraxe a Ourense do PP só viu a rirse de nós e a minusvalorar á veciñanza da nosa provincia”, denuncian desde o grupo provincial.


“Todo o mundo pode equivocarse e logo escusarse, pero é incomprensible que Prado e Tellado usen Ourense como arma arroxadiza, vilipendiando sen inmutarse a unha das catro provincias de Galicia”, insisten desde o PSOE antes de resaltar que “actitudes así son intolerables en representantes públicos que deben o máximo respecto, observación e educación á cidadanía que representan”.
“As faltas de respecto, as mofas, os desprezos, o ton despectivo ou os insultos non deben ter cabida na vida pública” afirman os e as socialistas antes de pedir a “unanimidade” de toda a corporación porque “actitudes así nin poden nin deben quedar no esquecemento”.
Un deputado ourensán, cómplice
Desde o grupo provincial advirten que tampouco hai que pasar por alto a presenza dun deputado ourensán nesa “comitiva da ultraxe”. Celso Delgado posou ledo xunto aos seus compañeiros e compañeiras de partido e, en ningún momento nin durante o acto nin posteriormente, afeou unhas palabras que menosprezan á provincia que el representa no Congreso desde hai dúas décadas.
“Esta Deputación, como institución propia de defensa da provincia e dos seus veciños e veciñas, non debe permitir, ou polo menos debe alertar e condenar, actitudes que desprezan a Ourense”, conclúen antes de destacar que desde o PSdeG-PSOE sempre van defender “o respecto, as boas formas e a cortesía, dentro e fóra das institucións con todas as persoas e todos os territorios”.

