GOBERNO ESTATAL INICIATIVAS

Solicitamos unha reunión co Goberno central para incluir Ourense na excepción galega que bonifica integralmente os trens do Eixo Atlántico

O PSDEG-PSOE SOLICITA UNHA REUNIÓN CO GOBERNO CENTRAL PARA INCLUIR A OURENSE NA EXCEPCIÓN GALEGA QUE BONIFICA INTEGRALMENTE OS TRENS DO EIXO ATLÁNTICO

As e os socialistas ourensáns avogan por un servizo Avant de Media Distancia cunha bonificación equiparable a das cidades do Eixo Atlántico

Ourense, 14 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense solicita unha reunión co Goberno central para incluír aos trens de Media Distancia Avant que unen á terceira cidade de Galicia con Santiago e A Coruña, na mesma bonificación integral dos títulos multiviaxe nos servizos ferroviarios prestados por Renfe.

Segundo o finalmente concretado esta tarde polo Ministerio de Transportes, Axenda Urbana e Mobilidade (Mitma) os Avant entre Ourense, Santiago e A Coruña recibirán un 50% de bonificación nas tarifas multiviaxe, que supón unha medida acaída nesta situación de crise, mais o PSdeG-PSOE de Ourense considera que tamén é momento de contar, sequera temporalmente, co mesmo trato que recibe o Eixo Atlántico polo que tamén circulan estes trens e aplicar, en consecuencia, abonos gratuítos á liña Ourense-Santiago-A Coruña.

As e os socialistas de Ourense salientan que estes trens son empregados por miles de usuarias e usuarios das tres cidades por razóns laborais, formativas ou sanitarias, polo que deben desfrutar da mesma bonificación que terán o resto de galegas e galegos.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense lembran, asemade, que estamos a falar dunha liña de Media Distancia e, ao igual que o resto das prestadas en Galicia, está declarada como Obriga de Servizo Público (OSP), recibindo, en consecuencia, fondos do Estado para o seu funcionamento.

Ambos aspectos son os condicionantes anunciados para poder aplicar o desconto do 100%, sendo, xunto coa nosa pertenencia a Galicia, os motivos que nos conducen a solicitar unha reunión co Goberno do Estado para facelo realidade na liña que une Ourense con Santiago e A Coruña neste contexto de dificultade económica que afecta a tantas familias e, particularmente, ás de provincias con baixos niveis de ingresos como a nosa.