Concello de Ourense deportes

Esiximos máxima transparencia por parte do CMD a respecto das últimas informacións sobre o COB

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE MÁXIMA INFORMACIÓN E TRANSPARENCIA POR PARTE DO CONSELLO MUNICIPAL DE DEPORTES A RESPECTO DAS ÚLTIMAS NOTICIAS SOBRE O COB

Os socialistas denuncian que o alcalde dea a calada por resposta nun tema que é plenamente responsabilidade súa, e reclaman que na próxima reunión do CMD se achegue toda a información relevante

Lamentan a imaxe que está a proxectar unha entidade deportiva emblemática e apuntan á responsabilidade de Jácome, para quen “o COB só foi un xoguete que quería manipular ao seu antollo”

Ourense, 21 de xullo de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense amosa a súa “seria preocupación” polas últimas noticias que circulan nos medios de comunicación a respecto da falta de directiva no Club Ourense Baloncesto SAD e reclaman a máxima información e transparencia por parte do Consello Municipal de Deportes.

“Vimos de solicitar información en relación a esta cuestión no Consello Municipal de Deportes, mais atopámonos con que o alcalde se coloca de perfil e dá a calada por resposta nun tema que é plenamente responsabilidade súa, mentres o concelleiro de Deportes, Mario Guede, é incapaz de informarnos debidamente”, sinalan Wilson Jones e Borja López, quen advirten que “non vamos tolerar que o alcalde actúe de comisionista e logo se lave as mans”.

“Gonzalo Jácome trouxo da man ao Grupo Hereda como salvador para revitalizar o club cobista e agora Pedro Fernández dimite como conselleiro argumentando que o traizoaron” abundou o concelleiro Jones, quen lamentou a imaxe que está a proxectar unha entidade deportiva emblemática pola pésima xestión dun alcalde-empresario para quen “o COB só foi un xoguete que quería manipular ao seu antollo”.

Así as cousas, dende as filas socialistas reclaman que os grupos da oposición, e por extensión, a veciñanza de Ourense, sexan debidamente informados das circunstancias nas que se atopa actualmente o club na próxima reunión do Consello Municipal de Deportes. “O COB, coma outros clubs, vén sendo beneficiario de subvencións públicas outorgadas dende o Concello, o que fai aínda máis necesaria esa transparencia total”, advirten. 

Por último, os socialistas salientan que, de non conseguir toda a información solicitada través do CMD a vindeira semana, emprenderán accións conducentes a obtela por outras vías.

Saúdos.