INICIATIVAS Sanidade

Reclamamos ampliar a gratuidade do parking do CHUO que xa beneficiou a miles de persoas

O PSDEG-PSOE DESTACA QUE A GRATUIDADE DO APARCADOIRO DO CHUO, IMPLANTADA GRAZAS A UNHA INICIATIVA DO PSOE, XA BENEFICIOU A MILES DE PERSOAS “A PESAR DO PP”

“É unha medida moi acaída na situación económica actual e, se fora polo PP, non se tería adoptado decisión algunha salvo beneficios extra para a empresa que xestiona o parking”, denuncian os e as socialistas

Avanzan que, na súa defensa dos servizos públicos, están a ultimar o impulso de novas medidas no ámbito do transporte local e provincial, ao igual que xa fixo o Goberno central

Ourense, 21 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE destaca que a gratuidade do aparcadoiro do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense) de titularidade da Deputación Provincial e da Xunta para doentes crónicos ou de longa duración, implantada grazas a unha iniciativa do PSOE, un ano despois da súa posta en marcha, xa “beneficiou” a miles de persoas “a pesar das reticencias e paos nas rodas que puxo PP”. Así mesmo avanzan que, na súa defensa dos servizos públicos, están a ultimar o impulso de novas medidas no ámbito do transporte local e provincial, ao igual que xa fixo o Goberno central.

Tamén destacan a importancia da media hora libre de pago para todos os usuarios e usuarias que a Deputación tivo que adoptar no seu estacionamento. E, por iso, o PSdeG-PSOE insiste na necesidade de proporcionar aparcadoiro gratuíto integral na contorna de espazos sanitarios. “Por que Ourense non pode ser como Vigo ou Lugo onde existen aparcadoiros gratuítos nos seus hospitais, mentres aquí son todos de pagamento?”, preguntan unha vez máis antes de denunciar que “a nosa provincia non está defendida nin da Deputación nin na Xunta”, ante as reiteradas negativas do PP para adoptar esta decisión.

Os e as socialistas recordan que “as persoas que, por exemplo, debían ir a diálise tres veces á semana, tiñan que pagar ata 150 euros semanais por estacionar”, unha situación que mudou radicalmente “a pesar das reticencias dos conservadores do goberno provincial que alegaban dificultades técnicas e problemas coa empresa concesionaria para establecer un sistema de descontos”.

Desde o grupo provincial insisten en que “é moi importante que as administracións fagan este esforzo” que realmente é “de todos e todas” porque somos os cidadáns os que, cos nosos impostos, pagamos estes servizos públicos dos que “algunhas empresas se aproveitan desaforadamente”. No PSOE ourensán aseveran que é unha medida “moi acaída e demandada” na situación económica actual “porque todos e todas coñecemos a situación económica da boa parte das familias” e “se fora polo PP, non se tería adoptado decisión algunha salvo beneficios extra para a empresa que xestiona o parking”.

A proposta de acordo, que foi aprobada polo pleno a comezos do pasado ano por unanimidade, reclamaba a “habilitación de prazas de aparcamento libres e gratuítas no aparcadoiro da súa titularidade situado na contorna do CHUO, destinadas a persoas que estean a recibir tratamentos médicos para enfermidades crónicas ou de longa duración”. Tamén instaba á Xunta a facer o mesmo no aparcadoiro da súa titularidade do Hospital Universitario.

Na actualidade os centros do CHUO ubicados na capital contan dous aparcadoiros de titularidade pública que funcionan en réxime de concesión: un na contorna do Hospital Nai con 800 prazas propiedade da Deputación e outro nos sotos do Hospital Universitario con outras 423 prazas propiedade da Xunta. Asemade existen dúas zonas de estacionamento libre, unha exterior e outra nos sotos do novo edificio de hospitalización, para empregados e empregadas que suman unhas 200 prazas máis que actualmente están parcialmente fóra de servizo polas obras de ampliación do complexo sanitario.