O PSDEG-PSOE APELA Á RESPONSABILIDADE DE TODAS AS FORZAS POLÍTICAS PARA ABRIR UN “DIÁLOGO SINCERO” E REMATAR COS “EXPERIMENTOS” DE JÁCOME NO CONCELLO DE OURENSE
Villarino cualificou de “inadmisible” que a terceira cidade de Galicia volva ser gobernada “por catro colegas” e instou á responsabilidade institucional para pór “punto e final” a esta situación
O grupo municipal socialista amósase aberto ao contacto con todos os demais grupos políticos para intentar retomar a moción de censura “sen críticas nin condicións”, antepondo os intereses da cidade
Ourense, 27 de xullo de 2022. O voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafa Villarino, anunciou hoxe a disposición do grupo municipal a abrir unha canle de “diálogo sincero” para que rematen os “experimentos de Jácome” no Concello, logo de tres anos de desgoberno. O voceiro socialista cualificou de “inadmisible” que a terceira cidade de Galicia volva ser gobernada “por catro colegas” e lanzou unha mensaxe apelando á responsabilidade de todas as forzas políticas para pór “punto e final” á parálise que padece Ourense.

“O PSdeG-PSOE está aberto a un diálogo sincero para que rematen os experiementos. Xa se fixo un experimento de máis de tres anos, xa vemos cal é o resultado e ten que ter fin. O fin está nas nosas mans, depende de nós. O que se fixo nesta cidade é unha aberración e ten que ter punto e final”, manifestou o voceiro socialista.
Así as cousas, os e as socialistas consideran que “a moción de censura é máis necesaria que nunca”, facendo fincapé en que “non estamos ante unha cuestión de persoas” senón de “antepor a cidade” e ter “altura de miras”, e amósanse abertos ao contacto con todos os demais grupos políticos para intentar conformar a maioría necesaria para salvar Ourense: “temos un compromiso con esta cidade”.

