concellos Denuncias

Os socialistas de Vilardevós denuncian que a nefasta xestión do alcalde causa graves prexuízos á veciñanza e ás arcas municipais

O PSDEG-PSOE DE VILARDEVÓS DENUNCIA QUE OS “CAPRICHOS PERSOAIS” DO ALCALDE, MANUEL CARDOSO, PROVOCAN “GRAVES PREXUÍZOS” Á VECIÑANZA E ÁS ARCAS MUNICIPAIS

Os e as socialistas veñen de coñecer que a persoa “represaliada” polo rexedor e á que non se lle recoñeceron os méritos nun concurso anterior para chofer do tractor-desbrozadora “é finalmente a máis apta para desenvolver a labor”, tal e como defendían dende o PSOE

O voceiro do PSdeG-PSOE, Julio Prada, “laiase” de que “se perdese tanto tempo para sacar a concurso novamente a praza e que o tractor permanecese totalmente parado e sen dar servizo durante un ano”

Vilardevós, 28 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Vilardevós vén de ter acceso a acta da proba teórica e valoración final da contratación do chofer para o tractor que realiza as tarefas de desbroce no municipio. Para sorpresa dos e das socialistas a persoa con maior puntuación foi o candidato que no mes de xullo de 2021 foi despedido de xeito “improcedente”, despois da súa reclamación xudicial, unha vez non lle foran recoñecidos os méritos no anterior concurso público de acceso a esta praza para o tractor-desbrozadora.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Vilardevós denuncian que os “caprichos persoais” do alcalde do Partido Popular, Manuel Cardoso, provocaron que o tractor-desbrozadora permanecese durante un ano “totalmente parado” para prexuízo da veciñanza do municipio. Os e as socialistas congratúlanse de que o tempo lles dea finalmente a razón e critican que o goberno municipal estea máis pendente de “tomar represalias contra aqueles que levan a xustiza casos de graves neglixencias a nivel municipal, que de buscar solucións e chegar a acordos mediante o diálogo para poder dar uns servizos básicos e dignos á veciñanza”.

O PSOE de Vilardevós lembra que o pasado 11 de abril xa denunciou a actuación “represora” do rexedor, tras ter coñecemento de que a xustiza lle daba a razón o traballador despedido de xeito improcedente e tras un proceso de selección “no que non se tiveron en conta os méritos, outorgándolle a praza a outra persoa, nun claro exemplo de amaño do concurso”. Os e as socialistas critican que ademais da “parálise” do tractor, o concello tamén “dilapidou milleiros de euros públicos en preitos polas graves neglixencias e a nefasta xestión do rexedor, cartos que saíron do peto dos veciños e veciñas, polo simple capricho do alcalde de tomar represalias contra un traballador e veciño do municipio, que esixía o que lle correspondía por pleno dereito e xustiza”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein, a valoración final do concurso para chofer do tractor-desbrozadora, “demostra que tiñamos razón cando denunciamos o xeito de proceder do señor Cardoso, e así queda de manifesto coa puntuación deste concurso, onde a persoa represaliada, finalmente acaba por ser a persoa máis preparada, adecuada e elixida para o posto”. Neste senso, o edil socialista “laiase” de que “se perdese tanto tempo para sacar a concurso novamente a praza e que finalmente a persoa elixida sexa a mesma que foi despedida de xeito improcedente, o que vén a demostrar que o alcalde errou por completo e causoulle un grave prexuízo tanto á veciñanza, como as arcas municipais”.

Prada Hohenstein esíxelle ao alcalde do PP que “saia publicamente a pedirlle desculpas tanto o traballador como a veciñanza, por ter paralizado un servizo esencial e que puxo en risco durante todo este tempo o patrimonio do municipio, xa que a falta de limpeza de estradas e camiños é evidente e supón un grave risco en caso dun incendio”. O voceiro socialista tamén lle recrimina ao rexedor que “non mire por Vilardevós, nin defenda os intereses da veciñanza”, motivo polo que lle pide que “se faga a un lado e deixe de pór pedras no camiño co fin de entorpecer o desenvolvemento do municipio”.