Economía SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

As medidas do goberno de Sánchez impulsan o mercado laboral de Ourense ata as mellores cifras en décadas

O PSDEG-PSOE DESTACA OS “EXCELENTES” DATOS DO MERCADO LABORAL NA PROVINCIA DE OURENSE GRAZAS ÁS REFORMAS IMPULSADAS POLO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ

Os parlamentarios ourensáns cualifican de “excelentes” unhas cifras da EPA que “confirman” como se pode saír dunha crise “de maneira diferente á que nos impuxeron antes como presunto método único”

“As melloras no Réxime Especial de Traballadores Autónomos van beneficiar a decenas de miles de ourensáns e ourensás cunha maior protección social e un sistema de cotización máis equitativo”, sinalan

Ourense, 28 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca os “excelentes” datos do mercado laboral na provincia ourensá, grazas ás reformas e medidas lexislativas impulsadas polo Goberno central presidido por Pedro Sánchez desde o ano 2018, tras “lustros de precarización, inestabilidade e maltrato” por parte de gobernos conservadores aos “traballadores, traballadoras e empresas que non son da súa corda”. “Son os mellores datos en décadas”, afirman os parlamentarios pola provincia.

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) confirma que “as decisións do executivo de Sánchez son adecuadas para impulsar as economías española e ourensá, con fin de seguir no crecemento, no ensanchamento de dereitos sociais, na equidade e na diversificación” do mercado de traballo.

A taxa de paro da provincia sitúase actualmente no 10,84 %, a máis baixa desde 2009. Ademais, Ourense conta con 117.400 ocupados e ocupadas, o mellor dato desde 2011, mentres que a cifra de poboación activa escala ata as 131.600 persoas, o rexistro máis elevado desde 2017.

“A pesar de estar saíndo aínda dunha pandemia global que conxelou todo o planeta e dun contexto económico europeo moi convulso, a causa da invasión de Ucrania por parte de Vladimir Putin, as cifras da EPA de hoxe son as mellores das últimas décadas e os datos da provincia están case dous puntos por baixo da media española”, recordan o deputado e a deputada no Congreso e o senador por Ourense.

“Fronte as escusas dos gobernos do PP, a EPA demostra que practicar reformas laborais en beneficio dos traballadores e traballadoras e aprobar medidas como a suba do salario mínimo ou o ingreso mínimo si funcionan para impulsar o ben común”, apuntan Uxía Tizón, Adolfo Pérez Abellás e Miguel Bautista antes de sinalar que “España avanza na recuperación total, recuperando o emprego e a nosa economía”. “Estes datos certifican que é posible saír dunha crise de maneira totalmente diferente á que nos impuxeron anteriormente como presunto método único”, remachan.

“As melloras no Réxime Especial de Traballadores Autónomos van beneficiar a decenas de miles de ourensáns e ourensás”

Os parlamentarios e parlamentarias tamén destacan o “unánime e beneficioso” acordo alcanzado entre Goberno central e axentes sociais, para “mellorar e impulsar” o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), tras meses de diálogo e negociacións. “As medidas acordadas van beneficiar a decenas de miles de ourensáns e ourensás”, insisten tras lembrar que son “froito da vontade de cumprimento de todos os implicadas, á vez que responden a unha aspiración de décadas dos autónomos e autónomas”.

O obxectivo da reforma é “unha converxencia de réximes, evitando a desigualdade na protección e nas contribucións dos autónomos e autónomas de Ourense, que representan unha elevada porcentaxe do mercado laboral da nosa provincia”. Por iso sinalan que “España e Ourense deixarán de ser unha anomalía respecto a os países da nosa contorna”.

“Fronte ao inmobilismo dos anteriores gobernos conservadores ante a unha reclamación histórica, o PSOE actúa e lexisla con acordos unánimes”, insisten os e as parlamentarias. “Os nosos veciños e veciñas de Ourense afiliados no RETA terán agora unha maior protección social e un sistema de pago de cotizacións avanzando, cara a un sistema máis flexible e equitativo”, resaltan.

Actualmente a cifra de afiliados e afiliadas ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos en Ourense -tanto SETA como non SETA- suma 23.128 persoas, con datos de xuño de 2022.