O PSDEG-PSOE PRESENTA UNHA MOCIÓN A PROL DA REAPERTURA URXENTE DO TERMALISMO EN OURENSE E RECLAMA ACTIVAR O PLAN TERMAL E DE ACCIÓN POLA CHEGADA DO AVE ANTES DE REMATAR 2022
Os socialistas lamentan o desmantelamento termal por segundo verán consecutivo, en plena eclosión turística, e cando conflúen a celebración do Xacobeo extraordinario e a chegada da alta velocidade
Esixen que tamén se cambie o horario de peche actual por un máis acorde ao período estival, que fomente o aproveitamento das pozas nas horas do solpor e disuada do baño nas horas centrais do día
Ourense, 3 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no pleno municipal do vindeiro venres a prol da reapertura urxente do termalismo en Ourense, toda vez que un gran número de vasos termais permanecen actualmente clausurados por mor da adaptación das pozas á nova lei de aproveitamento lúdico das augas termais da Xunta de Galicia.
Os socialistas consideran que agora é momento de “abrir os espazos termais á veciñanza” e de adaptar o seu horario por un máis acorde ao período estival, que fomente o aproveitamento das horas do solpor e disuada do baño nas horas centrais do día. “Non ten sentido que as termas se pechen ás nove da noite, cando é o momento de maior afluencia nestes espazos”, insistiu o edil Javier Rey.

Ademais, instan a aproveitar o boom turístico que stá a vivir Ourense, ao tempo que lamentan o peche das termas públicas por segundo verán consecutivo e nun momento especialmente fértil para o turismo na cidade, coa chegada do AVE e o Xacobeo extraordinario.
“Son moitas as oportunidades perdidas. A chegada do AVE dende hai oito meses podería ter sido un incentivo para que moita xente coñecese o noso termalismo, e por desgraza iso non está a acontecer. A isto cómpre sumar que tamén desaproveitamos o tirón de visitantes con motivo do Xacobeo bianual”, lamentou Rey.
“Dende hai sete anos o termalismo en Ourense vive unha auténtica involución. Non temos novos proxectos e o que hai, vai cara atrás. O PP e DO abandonaron e desmantelaron o termalismo nesta cidade”, subliñou.
Futuro termal
No texto da iniciativa, os e as socialistas destacan a necesidade de actualizar e activar, antes de que remate o ano 2022, dous documentos cruciais para revitalizar e proxectar o termalismo na cidade de cara ao futuro: o Plan Estratéxico Termal –actualmente obsoleto–, e o Plan de acción no destino turístico Ourense ante a chegada da alta velocidade.
“O Partido Popular comprometérase hai dous anos, xunto con DO, a actualizar o Plan Termal e ata agora non se fixo absolutamente nada”, lembrou o concelleiro Rey, ao tempo que puntualizou que esta folla de ruta “debería valer para moitos ciclos políticos”.
Esixen, ademais, que o goberno local encha de contido o recen constituído Consello Municipal de Turismo, contando coa participación de colectivos activamente implicados no rescate do termalismo para sacar partido das moitas oportunidades que brinda a chega da alta velocidade á nosa cidade.



Os socialistas aproveitaron a presentación desta moción para lembrar que o termalismo ourensán precisa de moitas outras intervencións de vital importancia, como é a ‘Ronda Bulevar Termal’. “É un momento magnífico para retomar este proxecto” que podería ser realidade grazas ao pulo do Goberno central á variante norte e “no que habería que estar traballando xa” para facela realidade “máis ou menos en dous anos”, estimou o concelleiro Rey.
“Ademais, teriamos que chegar a acordos con concellos da contorna e facer un plan xeral para todos, que situase Ourense como capital provincial do termalismo” demandou Rey, ao tempo que instou a “ir máis aló de slogans” e apostar decididamente pola posta en valor da nosa riqueza termal e xeotérmica.