Executiva municipal de Ourense ourense

A Executiva Municipal de Ourense botarase a rúa para traballar, escoitar e animar á veciñanza

A COMISIÓN EXECUTIVA MUNICIPAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE BOTARASE Á RÚA PARA “ESCOITAR, TRABALLAR E ANIMAR” Á VECIÑANZA A DESEÑAR ENTRE TODOS “A CIDADE QUE QUEREMOS”

A secretaria xeral, Natalia González, levará adiante a folla de ruta que permitirá á agrupación local estar preparada antes do remate de 2022 para ter sobre a mesa un proxecto de cidade “renovado e ambicioso” da man dos veciños e veciñas de Ourense

Na reunión mantida no día de onte pola dirección local pechouse a axenda da agrupación para o que resta de ano, coa celebración das II Xornadas LGTBI+ “Ourense x Bandeira”, o ciclo de charlas-debate “ Ourense, a cidade que queremos” ou as reunións e visitas ás asociacións e colectivos da cidade

Ourense, 3 de agosto de 2022. Onte celebrouse a reunión ordinaria da executiva municipal de Ourense do PSdeG-PSOE, co fin de pechar a axenda política para o que resta de 2022. Segundo a secretaria xeral, Natalia González, “non podemos perder nin un minuto á hora de facer o traballo orgánico e político que lle corresponde a esta dirección local, Ourense espera por nós, e por iso o noso proxecto de cidade ten que ser un proxecto gañador, renovado e ambicioso e temos que facelo entre todos e todas. Logo tocaralle á militancia elixir ás mellores persoas para defendelo e levalo adiante”

Dende a Comisión Executiva Municipal, coa Secretaria Xeral á fronte, comenzarán xa neste mesmo mes de agosto a rolda de contactos, reunións e visitas coas asociacións e colectivos da cidade, que se estenderá ata finais de ano, co fin de escoitar e recabar toda a información necesaria para ter unha diagnose actualizada da situación real da cidade, dende o casco histórico a todos os seus barrios e o perímetro rural.

Do mesmo xeito, presentouse xa o cronograma de conferencias e foros de debate que se celebrarán neste 2022 baixo o lema “Ourense, a cidade que queremos”, e que xirarán en torno aos temas claves e estratéxicos para o futuro de Ourense: urbanismo, termalismo, benestar social, igualdade, sanidade, cultura, comercio, turismo, deporte, etc.

Finalmente, e de cara ao inicio do curso político no mes de setembro, a agrupación local avanza xa a celebración das II Xornadas LGTBI+ “Ourense x Bandeira” da man de Xuventudes Socialistas de Ourense e tamén outra serie de actos nos que a memoria histórica e concretamente a da propia agrupación local de Ourense estarán moi presentes.