POLÍTICA PROVINCIAL

Logramos que o pleno apoie o impulso do termalismo e a reactivación da oficina do PERI

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE O PLENO DE OURENSE APROBE A REAPERTURA TOTAL E INMEDIATA DO TERMALISMO PÚBLICO COS VOTOS EN CONTRA DE DO E DO EDIL TRÁNSFUGA LAUREANO BERMEJO

Os socialistas lograron tamén a aprobación dunha iniciativa a favor da recuperación da oficina de rehabilitación urbana, vivenda e PERI na rúa Primavera, coa abstención de Democracia Ourensana e Bermejo

Á moción do grupo nacionalista para a posta en valor do Castro de Santomé engadiuse tamén unha achega do grupo socialista para dotar este conxunto arqueolóxico de camiños dignos e sinalización

Ourense, 5 de agosto de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense vén de lograr a aprobación dunha moción de consenso para a reapertura total e inmediata do termalismo, así como para a súa adaptación horaria ao período estival, de xeito que os usuarios e usuarias das pozas poidan gozar do baño nas horas do solpor, evitando as horas centrais do día. A iniciativa foi aprobada cos votos a favor de toda a corporación, excepto os do grupo de Democracia Ourensana e o do edil non adscrito Laureano Bermejo, que tentaron bloquear o impulso do termalismo e a súa proxección como motor turístico na cidade.

Na defensa desta moción, os e as socialistas destacaron a necesidade de actualizar e reactivar, antes de que remate o ano 2022, dous documentos cruciais para revitalizar e proxectar o termalismo na cidade de cara ao futuro: o Plan Estratéxico Termal –actualmente obsoleto–, e o Plan de acción no destino turístico Ourense ante a chegada da alta velocidade.

“Queremos volver ao espírito de Ourense: somos cruce de camiños e temos o termalismo, que convenceu aos romanos para facer un asentamento nas Burgas. Hoxe en día contamos co AVE como creador de riqueza, e o termalismo, como oportunidade potencial que sempre queda niso, en potencial. A nosa folla de ruta é consensuar un gran plan que nos vincule a todos e que no vindeiro mandato poidamos seguir de forma ordenada, sacando rendemento ao termalismo na cidade”, abundou o edil socialista Javier Rey.

Ademais, os socialistas lograron a aprobación dunha iniciativa a favor da recuperación da oficina de rehabilitación urbana, vivenda e PERI na rúa Primavera, que contou cos votos a favor de PP, BNG e C’S, e coa abstención de Democracia Ourensana e o tránsfuga Laureano Bermejo.

Dende o grupo socialista denuncian que o peche deste equipamento por decisión unilateral do alcalde contravén o establecido na Lei 1/2019 do 22 de abril, de rehabilitación, rexeneración e rehabilitación urbana de Galicia no seu artigo 71.

O grupo socialista durante o pleno de agosto do Concello de Ourense.

“Dende febreiro, Ourense é a única cidade galega que non conta cunha oficina do PERI. Ademais somos a derradeira urbe galega en contías de subvencións e axudas en vivenda”, lamentou a concelleira Natalia González, quen engadiu que “estamos a incumprir a lei da triple R que obriga ás administracións a ter unha oficina de rehabilitación urbana independente” e concluíu que “sen esta aposta pola vivenda, non teremos un plan das Burgas, un plan Rexurbe, nin teremos fondos Next Generation, e tampouco seremos quen de devolver o esplendor ao noso casco histórico”.

No mesmo texto, os e as socialistas solicitaban tamén que o Concello habilitase un punto de información para a mocidade sobre a liña de axudas do Goberno de España para o seu alugueiro e emancipación, e outro de asesoramento en axudas para a eficiencia enerxética na oficina do Ecobarrio da Ponte, actualmente en desuso.

“A oficina do Ecobarrio leva tres anos pechada, despois dun investimento de medio millón de euros” denunciou a socialista. “O que propoñemos é que, dado que hai moitas axudas no plan estatal de Vivenda, que se habilite este espazo poñendo o persoal necesario da administración local para informar ás comunidades de veciños e particulares de todas as axudas que existen e que a cidadanía descoñece”, reclamou.

Por último, á moción do grupo nacionalista para a posta en valor do Castro de Santomé engadiuse tamén unha achega do grupo socialista, defendida pola concelleira Rosa Martínez, quen pediu dotar este conxunto arqueolóxico-monumental de camiños dignos e sinalización.