O PSDEG-PSOE DA PEROXA DENUNCIA QUE A INACCIÓN E A PREGUIZA DO GOBERNO LOCAL DEIXOU AO CONCELLO SEN BRIGADA CONTRA OS LUMES NUN DOS ANOS CON MAIOR RISCO DE INCENDIO
“A Peroxa é un dos poucos municipios que non conta con ningún tipo de brigada contra os lumes, co risco que representa para a seguridade das veciñas, veciños e do patrimonio”, denuncia González Fiuza
O goberno local do PP tivo que anular todo proceso e desmantelar a cuadrilla poque non atopa un xefe de brigada, a causa de iniciar a selección no mes de xullo, coa tempada de lumes xa iniciada
A Peroxa/Ourense, 12 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE da Peroxa denuncia que a “total inacción” e a “vergoñenta preguiza” do goberno local do Partido Popular, deixou a este municipio de Ourense sen brigada de prevención e defensa contra incendios forestais, nun dos anos con maior risco de incendio e nun dos veráns máis complicados na loita contra esta persistente lacra que afecta ao noso medioambiente e as nosas vilas.
“A Peroxa é agora mesmo un dos poucos municipios que non conta con ningún tipo de brigada contra os lumes, co risco que isto representa para a seguridade das veciñas, veciños e do patrimonio natural e mobiliario do noso concello”, denuncia, Antonio González Fiuza. O voceiro salienta que esta “deplorable situación” foi causada pola “total falta de planificación” do alcalde, que é o responsable último de xestionar a contratación do persoal necesario para por en funcionamento “en tempo e forma” estas brigadas “todos os anos”.
“En 2022 e coa tempada de alto risco de incendio xa iniciada non fixo nada ata o 8 de xullo, cando foi publicada a convocatoria de selección deste persoal nos cauces oficiais”, destapa Fiuza antes de sinalar que, un mes despois, “ten que deixar sen efecto esa convocatoria e desmantelar toda a cuadrilla que estaba a seleccionar porque non atopa xefe de brigada, un posto imprescindible para a súa posta en funcionamento”. “É absolutamente imprudente por parte do goberno local que estamos sen persoal de loita contra incendios a mediados de agosto con lumes acosando á provincia día e noite desde os catro puntos cardinais”, asevera o voceiro.
Debido a esta falta de dilixencia, quedaron, a lo menos, oito postos de traballo sen cubrir: un xefe de brigada; un peon condutor; tres peóns de brigada e outros tres postos da motobomba, que poderían ter sido seis, mais o goberno local do PP tampouco atopou persoal dabondo para a motobomba
Desde a agrupación socialista insisten en que “o atraso na convocatoria para a contratación deste persoal está a causar prexuízos irreparables para o municipio e tamén para oito familias que contaban con traballar durante varios meses e agora non traballarán nin un só día”. “Esta esperpéntica e perigosa situación sucede por ser un dos últimos concellos de Galicia en comezar o proceso selectivo das brigadas municipais contra os incendios”, denuncia González Fiuza.
A situación provocada polo goberno local provoca que, no caso de producirse lumes no municipio, teñan que acudir traballadores e traballadoras doutros concellos para comezar a sofocalos, o que suporá un considerable atraso en atallar estas emerxencias. Ademais, tampouco se poden levar a cabo labores de prevención moi necesarias. “Temos un municipio abandonado a súa sorte en pleno risco alto de incendio, pola total ausencia de eficiencia no traballo e de falta de previsión do goberno presidido por Manuel Seoane”, conclúen desde o grupo do PSdeG-PSOE.