O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE JÁCOME ENGANOU Á CIDADANÍA AO ANUNCIAR HAI MÁIS DUN ANO A REHABILITACIÓN DA HISTÓRICA LOCOMOTORA DA PONTE, QUE SEGUE ABANDONADA
Dende o grupo socialista aseguran que o alcalde “mentiu descaradamente” cando dixo que máquina estaría lista antes do verán de 2021 para “acalar as protestas da veciñanza aldraxada”
Os socialistas lamentan o desprezo do alcalde cara a “unha das únicas máquinas de vapor do seu calibre na península” e reclaman a súa dignificación urxente antes de rematar o ano
Ourense, 16 de agosto de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o alcalde Jácome enganou á cidadanía ao anunciar, hai máis dun ano, a rehabilitación da histórica locomotora da Ponte, que a día de hoxe continúa “no abandono máis absoluto”. Dende o grupo municipal socialista aseguran que o rexedor “mentiu descaradamente” cando dixo que a máquina estaría lista antes do verán de 2021 “para acalar as protestas da veciñanza aldraxada”, que leva anos esixindo a reparación e sinalización do emblema pontino.
Os socialistas lembran que “xa en xullo de 2020, dende o grupo socialista reclamamos que o Concello puxera cartas no asunto e executase a necesaria reparación da locomotora, mais foron os colectivos veciñais quen, logo dunha reunión en febreiro de 2021 con Jácome, conseguiron que o alcalde se comprometese coa posta en valor deste monumento antes de verán de 2021, unha actuación pola que seguimos a agardar máis dun ano despois”.




Dende o grupo tamén acusan ao alcalde de “difundir bulos e falacias a través das súas redes sociais”, logo de que tachase de falso un comunicado socialista de xuño de 2021 no que se denunciaba a evidente parálise dos traballos de reparación da locomotora.
“Jacome acusounos a nós mentir sobre un feito veraz, que é que a máquina de vapor de Ourense segue abandonada e en alarmante deterioro malia as promesas do alcalde e o compromiso que adquiriu coa veciñanza”, lamentan, ao tempo que subliñan que “o alcalde que non ten palabra nin vergoña”.
Para concluír, os e as socialistas lamentan o desprezo de Jácome cara a “unha das únicas máquinas de vapor do seu calibre na península”, da que só existen catro modelos, fabricada en 1927 e símbolo do avance histórico que supuxo a chegada do ferrocarril á cidade de Ourense, e reclaman a súa “dignificación urxente e perentoria antes de rematar o 2022”.