Demografía Xunta

Consideramos inxusta e inxustificable a decisión da Xunta de non apostar por Ourense para albergar a sede da AESIA

O PSDEG-PSOE TACHA DE “INXUSTA E INXUSTIFICABLE” A DECISIÓN DA XUNTA DE NON APOSTAR POR OURENSE PARA ALBERGAR AESIA E ACUSA A RUEDA DE PROMOVER O “DESEQUILIBRIO TERRITORIAL”

“Non entendemos que se escolla unha das únicas provincias españolas que supera o millón de habitantes cando a descentralización deste e outros organismos pretende loitar contra o despoboamento”

O secretario provincial dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino, anuncia que emprenderán “todas as accións ao seu alcance” para reverter a “covarde e vergoñenta decisión” do executivo autonómico

Ourense, 24 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE tacha de “inxusta e inxustificable” a decisión da Xunta de descartar Ourense e apostar pola Coruña para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, e acusa ao executivo presidido por Rueda de “promover o desequilibrio territorial”, en troques do reequilibrio que perseguen as iniciativas de desconcentración e descentralización impulsadas polo Goberno central.

“Estamos a falar de políticas orientadas dende o executivo central para levar as institucións cara a aqueles lugares con problemas demográficos, posto que supoñen a creación de emprego e favorecen o asentamento de poboación en zonas castigadas pola sangría demográfica”, sinalou o secretario provincial e voceiro socialista, Rafa Villarino.

Así as cousas, dende o grupo socialista consideran “inxusta e inxustificable” a decisión de deixar fóra a cidade de Ourense, “a única das candidatas que cumpría absolutamente todos os requisitos esixidos, especialmente aqueles relacionados co despoboamento e a cohesión territorial, aínda que tamén os relativos ao perfil empresarial e investigador».

“Non entendemos que a Xunta escolla unha das únicas provincias españolas que supera o millón de habitantes cando a descentralización deste e outros organismos pretende loitar contra o despoboamento”, manifestou Villarino.

Neste sentido, as e os socialistas anuncian que emprenderán “todas as accións ao seu alcance” para reverter a “covarde e vergoñenta decisión” do executivo autonómico a respecto da descentralización deste equipamento na comunidade, apostando pola candidatura de Ourense como a máis idónea e axeitada.

O centro de La Molinera, actualmente sen uso, podería acoller a sede da AESIA.

Saúdos.