ORZAMENTOS Xunta

Denunciamos que os orzamentos da Xunta dinamitan proxectos clave para Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA DESTINAN “CERO EUROS” A IMPULSAR O TERMALISMO E SUPOÑEN O CARPETAZO DEFINITIVO AO PROXECTO DO ECOBARRIO

Dacosta sinalou que as contas autonómicas de Rueda dinamitan proxectos decisivos para o futuro desenvolvemento de Ourense, como a prolongación da AG-31, á que destinan un orzamento “ridículo”

“Pasamos do reequilibrio territorial ao desequilibrio territorial”, lamentou Villarino, quen salientou que a única achega do Partido Popular para Ourense foi “colocar a Jácome na alcaldía”   

Ourense, 24 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 afondan na discriminación de Ourense e dinamitan proxectos decisivos para o futuro desenvolvemento da provincia. Neste sentido, as e os socialistas ourensáns censuran que as contas autonómicas destinen “cero euros” a impulsar o termalismo ourensán e supoñan o carpetazo definitivo do executivo de Rueda ao proxecto do Ecobarrio, que pasou de recibir case dous millóns e medio de euros en 2019 a 100 000 nas contas actuais.

“O termalismo, que supón un potencial foco de desenvolvemento socioeconómico para a nosa provincia, recibe orzamento cero”, censurou Carmen Dacosta, quen afeou o cinismo co que o vicepresidente e conselleiro de Industria, Francisco Conde, vén a Termatalia. “A vender que?” inquiriu a socialista, quen aludiu á polémica Lei de aproveitamento lúdico das aguas termais de Galicia, aprobada polo Partido Popular, como exemplo do nulo compromiso dos populares coa denominada “provincia termal”. “Fixeron unha desfeita, logo paralizaron a apertura das termas na cidade e nin chegaron a conveniar un proxecto para que se levasen a cabo as obras”, lembrou.

Carmen Dacosta e Rafa Villarino na praza maior de Ourense.

Dacosta lamentou que “o único proxecto industrial desta cidade que prometía ser pioneiro no uso da enerxía xeotérmica en toda Europa e que ademais contemplaba a creación de 300 postos de emprego” desapareza dos plans da Xunta, logo de que o goberno autonómico fose eliminando progresivamente o investimento nesta iniciativa. “É un auténtico insulto á intelixencia da veciñanza e presentaremos unha emenda para que a Xunta cumpra co prometido”, manifestou.

Así mesmo, a deputada socialista no Parlamento galego lamentou que as contas da Xunta contemplen un orzamento “ridículo” para a prolongación da AG-31 cara á fronteira lusa, e que deixen fóra de xogo os centros de saúde dos barrios ourensáns do Vinteún e Mariña Mansa, tantas veces reclamados polos socialistas da cidade.

Plan de emprego

Por outra banda, Dacosta criticou a inexistencia dun plan de emprego provincial consensuado con todos os axentes sociais e económicos, para reverter a “sangría poboacional” que sacode Ourense.

“Nos últimos 20 anos perdemos 40.000 habitantes e en 84 concellos dos 92 que ten a provincia descende o censo de xeito continuado”, salientou. “Temos 16.000 parados e paradas, sabemos que os nosos mozos e mozas seguen a emigrar pola falta de oportunidades provocada polas continuas políticas de desmantelamento do Partido Popular e mentres outras provincias están a falar de reindustrialización, nós nin tan sequera podemos falar de industrialización de ningún tipo”, lamentou Dacosta, quen acusou a Rueda de condenar á provincia ao vagón de cola da recuperación económica.

“Desequilibrio territorial promovido pola Xunta”

Pola súa banda, o secretario provincial dos socialistas en Ourense, Rafa Villarino, criticou a “falta de compromiso e valentía” do executivo que preside Rueda para defender a idoneidade da candidatura de Ourense para albergar a sede da AESIA.

“Pódese afirmar que pasamos do reequilibrio territorial ao desequilibrio e exclusión territorial promovidos pola Xunta”, censurou Villarino en relación á marxinación de Ourense nas contas autonómicas, que se suma á falta de apoio para que a cidade sexa a futura sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial.

“Cal é o plan de futuro que contempla a Xunta para a nosa provincia?”, inquiriu Villarino, quen salientou que a única achega do Partido Popular con Ourense foi “colocar a Jácome na alcaldía”, ao tempo que lamentou que o executivo de Rueda sexa incapaz de defender a candidatura da única cidade que cumpre con todos os requisitos esixidos para albergar este equipamento.

“A Xunta está aplicando unha política consistente en borrar a identidade da cidade e poñemos como exemplo o que está a acontecer coa historia e legado do CD Ourense, do cal acaban de borrar un mural que era a derradeira insignia que quedaba do club no campo de fútbol do Couto”.