BALTAR E SÚA DEPUTADA TRÁNSFUGA EXECUTAN UNHA TRAIZÓN INÉDITA A OURENSE TRAS NEGARSE A REXEITAR A ALDRAXE DA XUNTA A OURENSE E APOIAR A CANDIDATURA PARA ACOLLER A AESIA
Non quixeron condenar a “aldraxe da Xunta” e insistir na candidatura para acoller a sede da AESIA, no que o PSOE define como unha “traizón inédita” a Ourense e un “atentando aos ourensáns”
Tampouco quixeron defender a Ourense como “a mellor candidata posible” para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
Ourense, 28 de outubro de 2022. No pleno de outubro da Deputación, os e as socialistas pretendían debater e aprobar unha iniciativa de urxencia para condenar a “inaudita aldraxe” da Xunta a Ourense e para defender a esta cidade como “a mellor candidata posible” para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). A proposta foi rexeitada por Manuel Baltar e os seus adláteres, así como pola deputada tránsfuga, Montse Lama, nun “ignominioso atentado dos conservadores e da tránsfuga aos intereses da nosa cidade e da nosa provincia”.
O texto da moción reclama á Xunta que “rectifique a decisión de escoller á cidade da Coruña como a súa candidata para acoller a AESIA e propoña a Ourense para este fin, xa que é a única candidata galega que cumpre todos os requisitos estipulados nos reais decretos que establecen o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público e na restante normativa que regula a desconcentración da administración estatal”.
Igualmente pide “rexeitar a aldraxe acometida contra a cidade de Ourense e a súa provincia, ao non elixir a proposta ourensá ao executar un proceder unilateral que non figura en ningunha das normas que regula este proceso, xa que decidiu ponderar máis uns criterios fronte a outros, primando o tecido empresarial fronte ao resto, o que elevou a candidatura da Coruña”.
Por último, tamén insta á comisión consultiva estatal creada para este procedemento e ao Goberno central a “afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos” da súa competencia.
O voceiro provincial, Rafa Villarino, asegura que “no lugar de apostar por Ourense, que si cumpre todos os requisitos, a Xunta escolleu a dedo á cidade da Coruña como candidata”, no que definen como “unha decisión incongruente e inxusta”. Para Villarino a decisión da Xunta evidencia que “estamos ante unha decisión que ten que moito máis que ver co centralismo económico e de poder e non ante unha elección realmente democrática e xusta”.
O grupo socialista tamén remacha que a decisión adoptada polo goberno de Galicia que agora apoia o presidente da nosa institución provincial nunha “traizón inédita a Ourense”, co aplauso da tránsfuga Lama, evidencia o “nulo peso que ten a Deputación no sistema político galego”, xa que nesta “loita de poder político, o presidente da Deputación non é considerado”, chegando Baltar “a someterse aos intereses doutras institucións”.
Desde PSOE insisten en que estamos nunha provincia e nunha cidade historicamente maltratadas e por iso “hai que darlle a volta de inmediato a esta decisión arbitraria da Xunta, provocada pola ponderación a dedo duns criterios, un proceder que incumpre o estipulado na normativa reguladora e nos principios xerais deste proceso de desconcentración”, rematan.