O GOBERNO CENTRAL PRESIDIDO POR PEDRO SÁNCHEZ INVESTIRÁ MÁIS DE 19 MILLÓNS DE EUROS PARA MODERNIZAR OS REGADÍOS DA LIMIA
Afecta ás comunidades de regadores de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo e é a primeira actuación que, en materia de modernización de regadíos, terá lugar en Galicia por parte do Goberno de España
Os proxectos incluídos foron seleccionados de acordo aos requisitos de sustentabilidade ambiental, eficiencia enerxética, e implementación de novas tecnoloxías esixidos pola Unión Europea
3 de novembro de 2022. O presidente da Sociedade Mercantil Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA), Francisco Rodríguez Mulero, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alfonso, mantiveron hoxe unha reunión de traballo con varias comunidades de regadores da Limia (Ourense), para activar un investimento de 15.900.000 euros (19,2 millóns con IVE), en obras de modernización de regadíos no marco da Fase II do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Ao encontro acudiu tamén o subdirector xeral de Infraestruturas Agrarias da Xunta de Galicia, Francisco Paz Feijoo.
O ‘Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas A Limia 2022‘ afecta ás comunidades de Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo e é a primeira actuación que, en materia de modernización de regadíos, terá lugar en Galicia por parte do Goberno de España.


O obxectivo da actuación é a construción de novas infraestruturas de rega dotadas con estacións de bombeo e filtrado, redes de tubaxes, hidrantes, instalacións solares fotovoltaicas e elementos de regulación e almacenamento, de tal forma que o agricultor dispoña dunha toma de auga a presión próxima á súa parcela e integrada nun sistema de automatización e telecontrol.
Eficiencia hídrica e enerxética
A instalación de tubaxes permitirá mellorar a eficiencia no transporte da auga bombeada desde as captacións ata as parcelas, traducíndose nun aforro de ata o 20 por cento dos recursos. A implantación de enerxías renovables, pola súa banda, evitará a actual dependencia enerxética das enerxías fósiles como o diésel, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro e o custo enerxético. Por último, o sistema de automatización e telecontrol fará posible dixitalizar a xestión da rega de forma integral.
En total, o Goberno de España investirá un total de 703,75 millóns para a modernización de máis de 100.000 hectáreas de regadíos en España. Os proxectos incluídos foron seleccionados de acordo aos requisitos de sustentabilidade ambiental, eficiencia enerxética, e implementación de novas tecnoloxías esixidos pola Unión Europea. Estes investimentos teñen un carácter público-privado, polo que a achega pública será dun máximo do 80% do custo dos gastos, mentres que as comunidades de regadores achegarán o resto.