INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Carmen R. Dacosta critica a política errática da Xunta contra os lumes forestais

O GRUPO SOCIALISTA CRITICA A “DEFICIENTE E ERRÁTICA POLÍTICA PREVENTIVA” CONTRA OS LUMES FORESTAIS POR PARTE DA XUNTA

Carmen Rodríguez Dacosta urxe a reformar o modelo de xestión forestal e de prevención de incendios, “ou o próximo ano volverán poñer á xente entre o lume e a parede”

Santiago de Compostela, 08 de novembro de 2022. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, criticou hoxe a “deficiente e errática política preventiva” da Xunta contra os incendios forestais. A responsable socialista interveu na comparecencia do conselleiro de Medio Rural no Pleno do Parlamento para reclamar a reforma do modelo de xestión forestal e un modelo de prevención de incendios “único, profesional, estable, formado, equipado” e dependente da Xunta.

A responsable socialista criticou que o conselleiro do Medio Rural agardara “literalmente a que empezara a chover” en novembro para comparecer no Parlamento e dar conta da xestión dos incendios forestais do pasado mes de xullo, nos que arderon 51.000 hectáreas recoñecidas polo goberno galego, incluíndo o peor incendio rexistrado en Galicia. Reclamou neste sentido “unha política de prevención e extinción de incendios activa, e non agardar a que chova”.

Rodríguez Dacosta advertiu de que tanto os traballadores e traballadoras do servizo como organizacións sindicais e agrarias deron constancia do “descontrol, colapso e falta de medios” do dispositivo antiincendios despregado pola Xunta en plena temporada de alto risco. Advertiu que en pleno mes de xullo aínda faltaban medios para as brigadas municipais, así como parte das helitransportadas, daquela en fase de incorporación.

Advertiu de que “houbo falla de medios humanos e materiais” para atallar a vaga de lumes, con situacións de “abuso laboral”, mentres os propios efectivos alertaban de “descontrol, desastre e colapso” do servizo. Daquela, co lume xa ás portas do verán, aínda quedaban “moitas prazas sen cubrir por baixas e vacantes”, e as brigadas actuaban “incompletas”, con cuadrillas de só dous membros.

A parlamentaria socialista esixiulle ao conselleiro de Medio Rural que sinale “de forma clara” a cifra real de efectivos da Xunta, logo de que os concellos constataran unha perda de brigadas do 32 por cento, malia que o goberno galego sinala que o persoal era o mesmo que no ano 2017.

Reclamoulle á Xunta un novo modelo de xestión da política forestal e da prevención de incendios de acordo co criterio de expertos, colectivos e técnicos, ou “do contrario volverán a colocar á xente no próximo verán entre o lume e a parede”. Instou a aproveitar as leccións da vaga de lumes deste verán para “modificar de raíz unha política equivocada e poñer en marcha un modelo cun apoio transversal nun asunto de país onde todos debéramos de facer un esforzo”.

Reiterou a necesidade de reforzar a política preventiva, iniciando as tarefas na primeira metade do ano, antes do inicio da temporada de lumes, cun servizo “único, profesional, estable e equipado” e baixo o mando único da Xunta de Galicia, responsable da súa coordinación. Considera “preciso, imprescindible e vital” mellorar a profesionalización, a loita contra a temporalidade e a coordinación das persoas traballadoras e dos medios contra os lumes.

Urxiu a “corrixir de xeito inmediato a política de cobertura de vacantes, baixas e vacacións” dentro do persoal de prevención e extinción propio da Consellería, “garantindo que as brigadas de bombeiros forestais funcionen con tódolos seus efectivos para reforzar a eficiencia no traballo e a seguridade dos profesionais”.

Rodríguez Dacosta emprazou ao conselleiro a tomar medidas para que evitar que se repita a situación deste ano, cando “estabamos a finais de maio e o Plan de Prevención de incendios -Pladiga- aínda non fora tramitado polo Consello Forestal nin publicado, “cando a prevención debera estar feita antes de xullo”.