INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Carmen R. Dacosta reclámalle á Xunta planificar queimas controladas fóra da tempada de risco

O GRUPO SOCIALISTA RECLÁMALLE Á XUNTA QUE PLANIFIQUE QUEIMAS CONTROLADAS FORA DA TEMPORADA DE RISCO PARA REDUCIR O COMBUSTIBLE NO MONTE

Carmen Rodríguez Dacosta alerta de que a situación precaria do persoal cando non está decretado o alto risco de incendios dificulta a execución e control das queimas preventivas

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle hoxe á Xunta que planifique e execute queimas controladas fora da temporada de alto risco de incendios para reducir o combustible no monte de cara á época de incendios. Rodríguez presentou unha pregunta oral na Comisión de Agricultura na que alertou de que a precarización do servizo dificulta estas labores preventivas.

A responsable socialista insistiu en que a Xunta aposte pola prevención de incendios forestais tamén a través da realización de queimas controladas de acordo coa lexislación autonómica e estatal. Advertiu do pobre balance ofrecido polo goberno galego, que hoxe confirmou que tan só fixeron 106 queimas das 284 previstas no Pladiga, tan só en 627 das 3.075 hectáreas previstas.

Rodríguez Dacosta sinalou que o goberno galego non ten realizado o protocolo que regula estas actuacións, ademais de que a situación laboral dos profesionais do servizo de incendios dificulta en gran medida o seu traballo fora da época de alto risco de incendios. Nestes meses, dixo, o servizo está “en precario”, con cuadrillas reducidas, falla de xefes de cuadrilla, prazas de condutores de motobombas baleiras, axentes de vacacións, emisoristas escasos e torres de vixilancia sen persoal.

Puxo en dúbida así que teñan realizado nin sequera unha pequena parte das queimas controladas previstas, e reclamou un “programa de desbroces, trituracións e podas” das zonas necesarias tanto para a viabilidade como para o acceso, a prevención de lumes ou a limpeza de perímetros. Reclamou neste sentido “queimas controladas de acordo coa lexislación vixente e cunha planificación conforme a un protocolo de actuación” que garanta a súa eficacia e seguridade.

Sinalou que o necesario Plan de queima debera incorporar unha previsión de medios, ferramentas e equipos necesarios para a súa execución, con presuposto e medicións da queima, da que ata o momento o goberno galego carece. Criticou que “non somos coñecedores dos criterios que segue na actualidade a Consellería para facer estas queimas”, ao que lle criticou que limite as labores preventivas a “anuncios” que quedan en nada.