O PSDEG-PSOE CELEBRA UNHA XUNTANZA EN NOGUEIRA DE RAMUÍN EN APOIO AO GRUPO SOCIALISTA MUNICIPAL, NUN MUNICIPIO «BERCE DO BALTARISMO» E REXIDO EN CONDICIÓNS «ESCURAS»
O voceiro, Óscar Sánchez, puxo de manifesto a “falla” de iniciativas do PP, que “descoida ata os servizos esenciais, como as redes de abastecemento e saneamento, que sofren avarías continuamente”
Rafa Villarino ofreceu o “máximo apoio do partido para pasar de ser a alternativa, a converterse no grupo de goberno responsable e ilusionante que tanto precisa Nogueira de cara as vindeiras eleccións”
Ourense, 10 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar esta tarde unha xuntanza en Nogueira de Ramuín, coincidindo coa celebración do Magosto e que serviu para amosar o total apoio do partido ao grupo socialista deste concello ourensán. Unha reunión que serviu para poñer en valor, en palabras dos e das socialistas, “o traballo desenvolvido”, polo único grupo da oposición neste municipio, “berce do baltarismo ourensán”.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Nogueira de Ramuín, Óscar Sánchez Yáñez, destacou a “falla total de iniciativas municipais”, nun concello rexido baixo condicións de goberno “escuras” e que é usado polo Partido Popular como un “caladoiro de votos”. O concelleiro socialista tamén puxo de manifesto que o goberno municipal do PP “descoida ata os servizos esenciais, como acontece coas redes de abastecemento e saneamento, que sofren avarías de xeito continuado”.
Sánchez Yáñez tamén puxo de manifesto que a única proposta electoral do PP para Nogueira de Ramuín “foi formulada polos socialistas en 2017, e consiste na creación do Museo do Afiador”. Unha proposta que dende o PSOE de Ourense consideran que “foi plaxiada, logo de que Manuel Baltar se apropiase da mesma e a situase na sede do Inorde”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, comezou agradecendo o traballo de Óscar Sánchez e dos demais edís e militantes socialistas, nun territorio “tan desamparado” e manifestou a súa vontade de “fortalecer a candidatura municipal, coa creación da agrupación socialista neste municipio”. O líder dos socialistas ourensáns ofreceulles tamén o “máximo apoio do partido para pasar de ser a alternativa, a converterse no grupo de goberno responsable e ilusionante que tanto precisa Nogueira de Ramuín de cara as vindeiras eleccións de maio”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense volveron a reincidir en que o PSOE “é o partido que goberna a máis persoas nos concellos da provincia”, motivo que leva os e as socialistas a ter como meta “rexer unha deputación democrática tralas vindeiras eleccións e levar unha mensaxe de ánimo e esperanza ás veciñanzas e edís que traballan en condicións difíciles, e ata hostís, como é o caso de Nogueira de Ramuín”.
“O cambio, sen interferencia dos mercadeos entre PP e DO que o truncaron en 2019, chegará en menos de sete meses a todos os recunchos de Ourense”, concluíu o secretario provincial do PSdeG-PSOE.