Deputación de Ourense INICIATIVAS

Logramos que a Deputación esixa á Xunta investimentos industriais para Ourense

O PSDEG-PSOE LOGROU A UNANIMIDADE DO PLENO DA DEPUTACIÓN PARA RECLAMAR Á XUNTA INVESTIMENTOS INDUSTRIAIS NA PROVINCIA DE OURENSE, IGUAIS AOS QUE SE ESTÁN A PROXECTAR NA CORUÑA, PONTEVEDRA E LUGO

O vicevoceiro, Nacho Gómez, aseverou que “o PP está sumido nunha espiral do escapismo coa nosa provincia” ante esta nova revolución industrial que “beneficia a todos e todas menos a nós”

O Grupo Socialista é unha ferramenta útil para esta provincia” porque “a iniciativa beneficia a todos e todas”, concluíu Gómez antes de agradecer o apoio e de pedir ao PP que “faga valer a súa condición de goberno ante a Xunta para que a poñan en práctica”

Ourense, 25 de novembro de 2022.O PSdeG-PSOE logrou a unanimidade do pleno da Deputación Provincial do mes de novembro, para reclamar á Xunta investimentos industriais na provincia de Ourense, iguais aos que se están a proxectar na Coruña, Pontevedra e Lugo, logo de “décadas de fume electoral” e “abandono intencionado do PP”. Os e as socialistas queren “acabar coa marxinación á que teñen sometida a nosa provincia os conservadores”, dentro dos plans cofinanciados con fondos públicos para a reindustrialización e por iso preguntan “que está a facer a Xunta para sacar a Ourense deste apartheid industrial”.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, aseverou que “o PP está sumido nunha espiral do escapismo coa nosa provincia” ante esta nova revolución industrial que “beneficia a todos e todas menos a nós”. Son grandes investimentos que, na súa maioría, están amparados por inxentes cantidades de fondos públicos europeos acadados polo Goberno central, para avanzar na transición ecolóxica e para atallar a crise provocada pola Covid-19 e a invasión rusa de Ucrania.

“Hai unha discriminación total con Ourense desde hai décadas”, resaltou Gómez antes de preguntar á deputada do PP, Ana Villarino, “se de verdade cree o que acaba de dicir sobre que esta é unha provincia de oportunidades industriais”. “Neste caso falamos de grandes proxectos porque benefician tamén as pemes e aos negocios locais”, recordou ante a demanda dos conservadoras de incluír tamén as pequenas empresas. “O Grupo Socialista é unha ferramenta útil para esta provincia” porque “a iniciativa beneficia a todos e todas”, concluíu antes de agradecer o apoio e de pedir ao Grupo Popular que “faga valer a súa condición de goberno ante a Xunta para que a poñan en práctica”.

O texto aprobado por PP, PSOE, DO, BNG e a tránsfuga, Montse Lama, reclama ao goberno galego “exercer as súas competencias exclusivas en materia de promoción económica e industrial, mediante a elaboración das políticas e proxectos de apoio, impulso e execución de investimentos industriais, tanto de carácter público como mediante acordos público-privados, co fin de impulsar unha a mellora da economía local e para loitar contra o reto demográfico”.

Tamén demanda “non marxinar a Ourense na promoción, impulso ou apoio a novos investimentos prioritarios de carácter industrial, promovendo, motu proprio, proxectos de interese autonómico ou intercedendo para que proxectos deste sector, cofinanciados mediante acordos económicos públicos-privados, sexan localizados na provincia”.

Igualmente pide ao Goberno central “exercer as súas competencias en materia de cooperación e coordinación coas comunidades, especialmente coa de Galicia, en materia de industria, así como as destinadas a favorecer e impulsar a actividade empresarial” co fin de “lograr novos investimentos para a provincia”.