O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR E A TRÁNSFUGA LAMA DESOBEDECEN INTENCIONADAMENTE A CONTAS TRAS MANTER E AGRAVAR A TRAMA DE CONTRATOS A DEDO NA DEPUTACIÓN
Villarino asegurou que este goberno provincial e os seus apoios “propugnan o amiguismo como norma” nunha Deputación na que “o caciquismo e as políticas caciquís seguen vixentes”
O PSdeG-PSOE logrou a unanimidade do pleno da Deputación para reclamar á Xunta investimentos industriais na provincia de Ourense, iguais aos que se están a proxectar na Coruña, Pontevedra e Lugo
Ourense, 25 de novembro de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que Manuel Baltar e deputada tránsfuga, Montse Lama, desobedecen intencionadamente ao Consello de Contas de Galicia, tras manter e agravar unha trama millonaria de contratos a dedo na Deputación de Ourense ao longo dos últimos anos. Os e as socialistas acusan aos conservadores de usar a institución provincial como un “instrumento en beneficio propio”, incumprindo a lexislación e as resolucións do máximo órgano fiscalizador do sector público galego, polo que non descartan accións legais para poñer freo a estas “prácticas antidemocráticas”.
Durante o pleno de novembro, o voceiro, Rafa Villarino, asegurou que este goberno “propugna o amiguismo como norma” nunha Deputación na que “o caciquismo e as políticas caciquís seguen vixentes”. A través dunha iniciativa na que se reclamaba adecuar á legalidade os procesos de contratación, Villarino defendeu “traer esa legalidade á Deputación” e preguntou a Manuel Baltar ou ao seu portavoz “por que cinco empresas acumulan ano tras ano o 65 % de toda a contratación de obras”.

A iniciativa non recibiu o voto favorable do Partido Popular, da deputada tránsfuga, Montse Lama, e de Democracia Ourensana. O voceiro tamén resaltou que “é sospeitoso que pasen os anos e que cheguen advertencias de todas partes, pero que non se faga nada, polo que xa nos fai temer algo máis”, ante unha “realidade” que definiu como “escandalosa”. Para Villarino “ten que acabar esta práctica, para adecuarse a legalidade buscando o beneficio para a administración e a cidadanía, con procedementos abertos que proporcionen oportunidades a todos e todas por igual”.
A proposta de acordo rexeitada pedía ao pleno instar ao goberno provincial presidido por Baltar “acomodar os seus procesos de contratación á legalidade vixente e aos contundente informes emitidos polo Consello de Contas de Galicia, evitando o uso abusivo dos contratos menores, convertidos actualmente no procedemento normal de adxudicación”.

Tamén instaba ao goberno provincial a “executar as licitacións e adxudicacións de contratos cumprindo estritamente o estipulado na normativa vixente en materia de contratación, utilizando para a súa adxudicación os procedementos aberto ou o restrinxido, en base a unha pluralidade de criterios baseados no principio de mellor relación calidade-prezo”.
OS ORZAMENTOS MÁIS INXUSTOS E DISCRIMINATORIOS
“Cando un o unha socialista presida esta institución, os cartos públicos serán repartidos de forma xusta e equitativa” pero “mentres isto non pase, non imos deixar de ser reiterativos”, asegurou Nacho Gómez
O vicevoceiro do PSdeG-PSOE na institución provincial, Nacho Gómez, defendeu durante o pleno as alegacións impulsadas polo Grupo Socialista contra os orzamentos da Deputación de Ourense para o exercicio de 2023, coas que pretenden unha execución destes fondos “xusta” e “acomodada á legalidade”, así como unha “distribución equitativa dos cartos” ou o “estrito cumprimento das normas en materia de xustificación das subvencións ou de plans de investimentos”.
“A Deputación é unha institución que debe velar polos intereses de todos e todas, pero con estas contas, non o fai”, resaltou antes de destacar que “votar a favor destes orzamentos, é votar en contra dos propios concellos” e “cunha visión máis global, tampouco compartimos que aporten algún beneficio xeral algún para toda a provincia”. Gómez destacou que o PSdeG-PSOE “respecta pero non está para nada de acordo” co informe de intervención no que se desbotan estas alegacións coas que “buscamos repartir estes fondos entre todos os concellos e non só nos que goberna o PP”.
“Cando un o unha socialista presida esta institución, os cartos públicos serán repartidos de forma xusta e equitativa” pero “mentres isto non pase, non imos deixar de ser reiterativos”, remachou o vicevoceiro antes de cualificar as contas como “as máis inxustos e discriminatorios da historia”. “O PSOE é o único partido que leva loitando todos estes anos para que Ourense teña un reparto xusto e equitativo e nesa liña imos a seguir pelexando”, insistiron desde o grupo provincial fronte ao que definen como “unha perversión de Baltar”.