O PSDEG-PSOE DE SAN CIBRAO CRITICA QUE OS ORZAMENTOS PARA 2023 SON “ESCASOS, POUCO VALENTES E NADA AMBICIOSOS” E DENUNCIA QUE NON ATENDEN ÁS NECESIDADES DA VECIÑANZA
Os e as socialistas votaron en contra polos “escasos investimentos reais no municipio, pola aparición de partidas non concretas e por numerosas eivas apreciadas no borrador de orzamentos”
A voceira do PSdeG-PSOE, Bibiana Iglesias, considera que o goberno municipal presenta unhas contas “nada concretas, pouco específicas e que acaban xerando que ao longo do ano se teñan que realizar numerosas modificacións de crédito, como aconteceu en 2022”
San Cibrao das Viñas, 2 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de San Cibrao das Viñas critica que os orzamentos municipais aprobados polo goberno municipal do Partido Popular para 2023 son “escasos, pouco valentes e nada ambiciosos”. As e os socialistas denuncian que, un ano máis, o PP opta por elaborar unhas contas “nada fiables” e nas que se reflexan numerosas partidas “non concretas”, deixando claro que “non atenden as necesidades reais da veciñanza”.
Dende o Grupo Municipal Socialista en San Cibrao explican que o seu voto en contra aos orzamentos vén motivado polos “escasos investimentos reais no municipio, pola aparición de partidas nas que non se concreta o destino dos cartos e por numerosas eivas apreciadas durante o análise dos mesmos”. Neste senso as e os concelleiros socialistas manifestan o seu “malestar” por mor “do descenso da partida para investimentos reais, que se queda en pouco máis de 500.000 euros”. Consideran que esta decisión “deixa en evidencia que o goberno municipal non ten en previsión unha partida para mellorar a situación da veciñanza de San Cibrao, nin tan sequera en ano electoral”.
A esta circunstancia, tamén se sumou a aparición de numerosas partidas nas que non se concretan o destino dos cuartos. A voceira socialista en San Cibrao, Bibiana Iglesias Pérez, afirma que “cando lles preguntamos a que se van destinar estas partidas, din que non saben e que ao que xurda”. Neste senso, a edil do PSdeG-PSOE considera que o goberno municipal presenta unhas contas “nada concretas e pouco específicas e que acaba xerando que ao longo do ano teñan que realizar numerosas modificacións de crédito, como aconteceu este ano, no que levamos máis de 20 modificacións, o que nos deixa ver que estas son unhas contas pouco fiables”.
Outro dos puntos polo que o PSdeG-PSOE de San Cibrao decidiu votar en contra foi a previsión nos orzamentos do aumento dunha dedicación exclusiva a nivel municipal, que elevaría as actuais a 3. Os e as socialistas afeáronlle ao equipo de goberno que “as circunstancias municipais non cambiaron”, motivo polo que “non entendemos o aumento desta dedicación” e máis cando a mesma “queda presupostada a partir do mes de maio, coincidindo coas eleccións”. “Consideramos que esta decisión é unha tomadura de pelo, xa que as dedicacións exclusivas do vindeiro mandato, xa se debaterán cando corresponda”, explica Bibiana Iglesias, que tamén apunta que “parece que o PP está máis preocupado de ter contentos aos seus concelleiros, que das necesidades reais de San Cibrao e a súa veciñanza”.
Por último, a voceira do PSOE tamén puxo o foco sobre a “imperiosa necesidade de loitar por un transporte metropolitano que mellore os servizos e comunicacións tanto da veciñanza como dos traballadores, traballadoras e empresarios do Polígono”. Neste senso instou o alcalde a “pelexar nas institucións que faga falla porque isto se cumpra e sexa unha realidade”.