O PSDEG-PSOE DE CENLLE DENUNCIA QUE O PP CONTINÚA COA SÚA “CRUZADA” CONTRA UN VECIÑO AO QUE DEIXAN SEN AUGA PÚBLICA E SEN ACCESOS ASFALTADOS POLAS SÚAS CORES POLÍTICAS
Os e as socialistas critican que o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, e o grupo de goberno municipal inauguraron dita obra, que tal e como alertan dende o PSOE “está incompleta”, pois deixa sen auga a este veciño e a varias casas máis da zona
José Rodríguez Veloso denuncia que Alén “ignora as reclamacións deste veciño e opta por non buscar unha solución para que teña conexión á auga, todo por pertencer a outras siglas políticas”
Cenlle, 2 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Cenlle denuncia que o Partido Popular continúa coa súa “cruzada” contra un veciño de Nazara ao que deixa sen auga pública, despois de non ter en conta a súa casa no proxecto para a construción do novo punto de captación e abastecemento de auga. Os e as socialistas critican que no día de hoxe o delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, e o grupo de goberno municipal inauguraron dita obra, que tal e como alertan dende o PSOE “está incompleta”, pois deixa sen auga a este veciño e a varias casas máis da zona.
Dende o Grupo Municipal Socialista de Cenlle informan que durante a inauguración das obras, tanto este veciño, histórico concelleiro socialista do municipio, como o voceiro do PSdeG-PSOE reclamaron solucións ante esta “cacicada”, pero atopáronse tal e como explican “coas palabras do señor Alén nas que alegaba que non era o momento de falar do tema, porque había xente de fóra e non interesaba dar mala imaxe”. Ante esta circunstancia, os e as socialistas consideran que o PP “oprime e toma represalias contra aqueles veciños e veciñas que non votan as súas siglas políticas”.
Unha situación que se veu agravada polo asfaltado dun tramo de estrada, pero para sorpresa de todos e todas os veciños e veciñas de Nazara e tal e como indican dende o PSOE de Cenlle “o asfaltado finalizou a 200 metros da casa deste veciño, que volve a ser discriminado por esta decisión do PP municipal e autonómico”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cenlle, José Rodríguez Veloso, denuncia que o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, “ignora as reclamacións deste veciño e opta por non resolver e buscar unha solución para que teña conexión a auga da traída, todo por pertencer a outras siglas políticas que non son as súas”. O edil socialista cualifica esta decisión de “discriminación histórica” e acusa ao PP de “optar polas cacicadas e por seguir prexudicando aos veciños e veciñas de Nazara”.
Rodríguez Veloso tamén destaca que a resposta do delegado da Xunta durante a inauguración das obras “non o deixa en bo lugar”, xa que segundo relata “pon de manifesto o pouco coñece o noso concello, a pesar de que foi rexedor do mesmo durante varios anos”. O voceiro socialista esixe “solucións urxentes” para este veciño e o resto de casas afectadas e que o PP “remate dunha vez por todas con esta discriminación”.