Concello de Ourense Política social

Reclamamos un pleno extraordinario no Concello de Ourense para devolverlle ás entidades sociais os fondos necesarios para desenvolver o seu labor

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA A CONVOCATORIA URXENTE DUN PLENO EXTRAORDINARIO PARA DEVOLVERLLE ÁS ENTIDADES SOCIAIS OS FONDOS NECESARIOS PARA DESENVOLVER O SEU LABOR

Lamentan que máis dunha decena de entidades, entre as que están Renacer, Amencer ou Discafis-Cogami, “queden sen subvención por mor da aberrante falta de previsión e planificación do goberno local”

“Como é posible que haxa cartos para espectáculos con artistas de renome e non para aqueles colectivos que dependen realmente destes fondos para levar a cabo proxectos de acción social tan necesarios?”

Ourense, 6 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama que o goberno local convoque un pleno extraordinario de xeito urxente co obxectivo de aprobar unha modificación de crédito que permita devolverlle ás once entidades sociais prexudicadas pola “inadecuada priorización e falta de previsión” do alcalde Jácome os fondos necesarios para que continúen a desenvolver o seu imprescindible labor na cidade.

Dende o grupo socialista lamentan que máis dunha decena de entidades do terceiro sector, entre as que están Renacer, Amencer ou Discafis-Cogami, “queden sen a subvención que lles corresponde por mor da aberrante falta de previsión e planificación do goberno local”, ao tempo que inciden en que “o Concello ten a obriga de emendar o prexuízo económico causado a estas asociacións que se atopan nunha situación de total inseguridade logo de que se lles denegasen as axudas coas que contaban para desenvolver o seu labor”.

Neste sentido, as e os socialistas inquiren “como é posible que haxa cartos para espectáculos con artistas de renome e incluso para cabalgatas con renos e dromedarios, e non para aqueles colectivos que dependen realmente destes fondos para sobrevivir e levar a cabo proxectos de acción social tan necesarios?”. “É inxustificable que a prioridade exclusiva do alcalde de Ourense sexa andar a contratar orquestras para empregalas como palcos VIP mentres as necesidades sociais da cidade quedan sen atender”.

Así as cousas, reproban que o rexedor volva colocar os seus “espurios intereses persoais” por enriba do interese público que debería guiar a xestión municipal e reivindican que “mentres o goberniño de Jácome anda a outras cousas, o grupo socialista seguirá procurando solucións para o que de verdade importa”.