concellos Denuncias

Os socialistas da Merca denuncian o aumento de taxas e a redución do orzamento para 2023

O PSDEG DA MERCA DENUNCIA QUE OS ORZAMENTOS PARA 2023 SUPOÑEN UNHA REDUCIÓN DO 14,48% E RECOLLEN UNHA SUBIDA DESORBITADA NAS TAXAS QUE SE LLES COBRARÁN Á VECIÑANZA

Os e as socialistas consideran que a “nefasta” xestión levada a cabo polo goberno municipal chegou a unha situación “límite” e esixen solucións para rematar coa parálise e a desidia que vive A Merca

O voceiro do PSdeG, David Outomuro, fai fincapé en que “namentres recortan o orzamento e partidas esenciais como a axuda para material escolar ás familias máis desfavorecidas, por outro lado aumentan as taxas e impostos, que afectarán directamente o peto da veciñanza”

A Merca, 7 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de A Merca denuncia que os orzamentos aprobados polo goberno municipal para 2023, co voto en contra dos socialistas, supoñen unha redución do 14,48% con respecto aos do 2022 e prodúcese unha subida “desorbitada” nas taxas que se lle cobrarán aos veciños e veciñas. Os e as socialistas consideran que a “nefasta” xestión levada a cabo polo goberno municipal chegou a unha situación “límite” e esixen solucións “urxentes” para rematar coa “parálise e a desidia” que vive A Merca.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que os incrementos nas ordenanzas “son moi descarados” e que ademais “suporán un importante desembolso económico para a veciñanza”. Neste senso destacan que entre as principais subidas no orzamento, destacan o aumento na conservación da rede de abastecemento de auga, na que se produce unha subida do 75%, pasando dos 42.000 orzamentados en 2022 aos 75.000 previstos para 2023. Neste senso, os socialistas apuntan que “estamos falando da conservación de fosas sépticas, principalmente, en moitos casos a día de hoxe ilegais e que están nun estado moi deficiente, o que provoca que o gasto se dispare”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en A Merca, David Outomuro Seara, fai fincapé en que “namentres recortan o orzamento e partidas esenciais como a axuda para material escolar ás familias máis desfavorecidas, por outro lado aumentan as taxas e impostos, que afectarán directamente á veciñanza”. O edil socialista considera que “a pésima xestión dos recursos públicos tróuxonos a esta situación, na que o Concello ten que pedir préstamos ante a imposibilidade de xestionar a consecución de subvencións e recursos públicos”.

Outomuro Seara tamén destaca que o orzamento para investimentos reais “é ínfimo” e tan só supón o 3,51% do gasto total presupostado. Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE afirma que “estamos nun concello no que a maioría dos recursos se destinan a transferencias correntes e persoal e no que non hai investimentos para mellorar, humanizar ou arranxar os problemas cotiás da nosa veciñanza”. Tamén considera que os servizos municipais prestados polo Concello “son moi deficientes e o exemplo máis claro é o abastecemento de auga potable”, xa que segundo relata “o ano pasado estivemos máis de 5 meses sen usar auga porque non era apta para o consumo e agora veñen cun incremento do 59% nas taxas”.

Os e as socialistas tamén critican o desorbitado gasto municipal en plenos xuntas de goberno, comisións e quilometraxe por desprazamento. “As cotas de plenos quedaron establecidas en 100 euros, pagan 95 euros por xuntas de goberno e 50 por asistencia a comisións, pero o que é máis grave son os 0,50 € que se pagan por quilometraxe, unha cifra desorbitada para un concello como A Merca e que supón un malgasto dos fondos públicos”, finaliza o voceiro socialista, David Outomuro.

Dende o PSOE na Merca tamén critican a desaparición da escola-taller que se realizaba cos concellos de Cartelle e Ramirás, ou dos Magostos, que deixaron de celebrarse. Consideran que a situación é “moi preocupante” e que hai que “buscar a fórmula de acadar investimentos para poder contrarrestar a mala situación económica das arcas municipais”.