INFRAESTRUCTURAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Impulsamos no Congreso a conexión internacional da AG-31 con Portugal

A DEPUTADA DO PSDEG-PSOE DE OURENSE, UXÍA TIZÓN, IMPULSA NO CONGRESO UNHA INICIATIVA PARA EXECUTAR A CONEXIÓN INTERNACIONAL DA AG-31 CON PORTUGAL A TRAVÉS DA MADALENA

Os e as socialistas piden que se leven a cabo todas as accións “necesarias e oportunas”, co obxectivo de garantir a conexión internacional “cunha vía de alta capacidade”

Tizón subliñou que a continuación da AG-31 e a construción da conexión internacional “suporá reforzar a posición estratéxica de Ourense, consolidándose como porta de entrada a Galicia e mellorar os tempos de viaxe, a dinamización comercial, empresarial e turística”

Ourense, 15 de decembro de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa parlamentaria no Congreso dos Deputados, Uxía Tizón, vén de presentar unha iniciativa na Comisión de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana para instar ao Goberno a impulsar a conexión internacional da AG-31 con Portugal, a través da fronteira da Madalena. Os e as socialistas piden que se leven a cabo todas as accións “necesarias e oportunas”, co obxectivo de garantir a conexión internacional “cunha vía de alta capacidade”.

A AG-31 comeza na saída 217 da autovía A-52 e une esta vía de alta capacidade con Celanova, localidade na que circunvala, finalizando nun enlace coa estrada OU-540, que transcorre integramente por Ourense ata Portugal. Actualmente, suma 18,7 quilómetros en servizo e foi inaugurada en 2013, trala execución impulsada polo goberno galego de Emilio Pérez Touriño. Unha construción, que en palabras dos e das socialistas “permitiu mellorar as comunicacións coas localidades próximas, reducindo o tempo de viaxe nunha media do 40%, gañando os condutores en comodidade e seguridade e dinamizando a vida da comarca de Celanova”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense, Uxía Tizón Vázquez, defendeu durante a súa intervención na comisión de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que dende o Grupo Parlamentario Socialista “consideramos fundamental a súa continuación ata a fronteira portuguesa para o desenvolvemento da provincia de Ourense e das diferentes comarcas da zona, por diferentes razóns económicas e sociais”. A parlamentaria ourensá subliñou que a continuación da AG-31 ata a fronteira e a construción da conexión internacional “suporá reforzar a posición estratéxica de Ourense, consolidándose como porta de entrada a Galicia e como nodo de comunicacións terrestres e interiores con Castela e Portugal” e apuntou tamén que “permitirá mellorar os tempos de viaxe, a seguridade, conectar a cidade de Ourense con Braga e Portugal e a vertebrar o suroeste da provincia, mellorando a dinamización empresarial, comercial e turística, ademais de reverter os importantes problemas demográficos que afectan a Ourense”.

Tizón Vázquez fixo fincapé en que a iniciativa “non é un capricho político, é un clamor social e empresarial da provincia” e destacou que en Ourense “estamos cansos do abandono permanente e de escusas, e por ese motivo os e as socialistas demostramos o compromiso das boas comunicacións na provincia”. A representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Congreso dos Deputados afirmou que “esta é unha oportunidade para que a Xunta deixe de tratarnos coma unha provincia de terceira e aquí teñen o noso compromiso, ogallá o señor Rueda amose o mesmo interese que o PSOE”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense lembran que a Xunta de Galicia vén de por en marcha o proceso de licitación para modificar parcialmente o trazado da OU-540, mediante a corrección dalgunhas curvas, a mellora dalgunhas interseccións e a creación de carrís de adiantamento. Tal e como apuntan os e as socialistas ourensáns “en ningún caso se executa unha autovía cun novo trazado e descartase a execución das variantes de Bande e Verea, localidades polas que se manterá o paso dos vehículos”.

“Queremos impulsar o tramo da conexión internacional, a través dunha vía de alta capacidade, xa que o único competente é o Goberno central”, afirmou Uxía Tizón, antes de sinalar que “consideramos imprescindible este proxecto para que a provincia siga crecendo e porque Ourense o merece, pero para a súa efectividade e continuidade debe ser a Xunta de Rueda quen execute a obra de prolongación entre o tramo e servizo e Lobios”.