Concello de Ourense Denuncias

Denunciamos a pasividade da Xunta coa inseguridade na estrada da Granxa de Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A “FLAGRANTE PASIVIDADE” DA XUNTA DE GALICIA FRONTE Á HISTÓRICA INSEGURIDADE VIAL NA ESTRADA DA GRANXA E ESIXE “MEDIDAS URXENTES CONTRA OS ATROPELOS”

Lamentan que a Consellaría de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez ignore o clamor veciñal malia ter “sobrada constancia” da perigosidade existente nesta zona para os peóns

“Historicamente está demostrado que as limitacións de velocidade, as indicacións no chan e os elementos disuasorios nesta vía non abondan para evitar os accidentes e garantir a seguridade vial”

Ourense, 16 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “flagrante pasividade” da Xunta de Galicia fronte á histórica inseguridade vial na estrada da Granxa e esixe “medidas urxentes e contundentes” contra os atropelos nesta vía de titularidade autonómica. Dende o grupo socialista censuran que a Consellaría de Infraestruturas que dirixe Ethel Vázquez ignore o clamor veciñal malia ter “sobrada constancia” da perigosidade existente nesta zona para os peóns.

Lembran que durante o anterior mandato se instalaron elementos redutores de velocidade na estrada da Granxa grazas á insistencia das e dos socialistas, mais inciden en que “historicamente está demostrado que as limitacións de velocidade, as indicacións no chan e os elementos disuasorios nesta vía non abondan para evitar os accidentes e garantir a seguridade vial”, polo que esixen que a Xunta “vaia máis alá” e “actúe con contundencia dunha vez por todas para evitar máis desgrazas”.

Dende o grupo socialista salientan que os problemas de seguridade nesta zona “non son novos e son de sobras coñecidos pola conselleira Vázquez” e pregúntanse “que máis ten que acontecer para que a administración autonómica deixe de facer oídos xordos e tome cartas no asunto”.

“Estamos ante unha arteria fundamental de entrada e saída á cidade, que conecta coa zona industrial e que ten tránsito de peóns de todas as idades, dende meniños ata persoas maiores que deben atravesar a estrada de xeito diario para faceren a compra, iren á escola ou ao traballo, ou mesmo ao hospital”.

Así as cousas, as e os socialistas adiantan que emprenderán medidas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta a “buscar a solución para garantir a convivencia de vehículos e peóns en condicións de seguridade nesta estrada”.