A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS INFORMA QUE OS RETORNADOS DE ALEMAÑA, CUNHA SOA PENSIÓN DE XUBILACIÓN, VERÁN AUMENTADA A SÚA COTIZACIÓN Ó SEGURO DE DEPENDENCIA
Dende o PSOE ourensán explican que o Ministerio de Sanidade alemán anunciou que pasará dun 14,6 a un 16,2 a porcentaxe que se restará mensualmente á pensión
O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, lembra, unha vez máis, que “esas cantidades detraídas son gastos deducibles na declaración da renda en España”
Ourense, 16 de decembro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa área de migracións, informa de que a partir do 1 de xaneiro, aos emigrantes retornados de Alemaña, que teña só unha pensión de xubilación do pais xermano, váiselles aumentar a cotización ao seguro de dependencia e ó seguro médico. Tal e como apuntan fontes socialistas ao non ter ningunha pensión española, obrigatoriamente desde a súa pensión alemá detráense unhas cantidades estipuladas e destinadas ás chamadas Krankenkassen, as aseguradoras oficiais, para ter asistencia sanitaria en España.
Dende o PSOE ourensán explican que o Ministerio de Sanidade alemán anunciou que pasará dun 14,6 a un 16,2 a porcentaxe que se restará mensualmente á pensión. Esta subida das cotizacións obrigatorias afectará tamén as pensións dos plans de empresa (Betriebsrenten) superiores a 190 euros mensuais. As inferiores non están suxeitas a retención para o seguro médico e o de dependencia.
O secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín, lembra, unha vez máis, que “esas cantidades detraídas son gastos deducibles na declaración da renda en España”. Neste senso, tamén apunta que nuns encontros informais con diversas xestorías e asesorías asentadas na cidade de Ourense e no resto da provincia “constatouse que moitos dos retornados non corrixiron as declaracións da renda dos anos 2018-2020, solicitando a rectificación das mesmas ao non incluír no seu momento estes gastos deducibles”.
O goberno alemán anunciou días atrás que aumentará o 1 de xullo de 2023 as pensións nun 3,5 por cento. Tamén se establece en Alemaña a efectos fiscais o límite para non declarar no 2023 ante a Facenda xermana en 10.908 Euros e a partir do ano 2024 en 11.604 Euros anuais.